Desde a Unión Comarcal de CCOO e a Sección Sindical de CCOO na Deputación de Lugo queremos trasladar todo o noso apoio, respecto e solidariedade ás mulleres que tiveron a valentía de denunciar a través dos procedementos internos do seu partido presuntas condutas de acoso sexual. Ningunha traballadora debería verse exposta nunca a situacións de acoso, intimidación ou a supostas dinámicas de intercambio de favores sexuais por emprego.
A nosa condena a este tipo de comportamentos é absoluta e rotunda.
Nestes días, diversos medios de comunicación fixeron públicas denuncias internas do PSOE que sinalan ao até onte presidente da Deputación de Lugo, alcalde de Monforte de Lemos e secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia, José Tomé, por suposto acoso sexual a varias mulleres. De confirmarse, estaríamos ante feitos dunha gravidade extrema, incompatibles coa responsabilidade pública e co mínimo estándar ético que se lle debe esixir a calquera cargo institucional.
Preocúpanos profundamente que, segundo estas mesmas informacións, dirixentes do PSOE como Lara Méndez, José Ramón Gómez Besteiro e Pilar García Porto tiveran coñecemento previo das advertencias sobre estas condutas. Resulta inadmisible que, nun caso desta dimensión, non se activasen mecanismos de protección ás vítimas nin unha reacción política acorde coa gravidade das denuncias.
A dimisión presentada onte polo presidente da Deputación, mantendo con todo a súa acta na corporación provincial e a alcaldía de Monforte de Lemos, non é suficiente para restaurar a confianza institucional nin para garantir un entorno seguro para as mulleres traballadoras. Por iso, desde CCOO pedimos que José Tomé abandone toda responsabilidade política mentres estas denuncias non se resolvan onde se teñen que resolver.
Desde CCOO reclamamos ao PSdeG que abandone o seu silencio atronador. A dirección política debe explicar, asumir responsabilidades e actuar con transparencia e rigor. O silencio, neste contexto, tamén é unha forma de complicidade.
Do mesmo xeito, consideramos extremadamente grave que o BNG, socio de goberno na Deputación de Lugo, manteña os acordos que lle permiten sosterse politicamente, mesmo sabendo que determinadas votacións poderían depender dun deputado que, malia abandonar o PSOE, continúa sinalado por diversas denuncias internas de acoso.
E aquí facémonos a mesma pregunta tanto ao BNG como ao PSOE:
Están dispostos a sacar adiante acordos de goberno contando co voto dun representante baixo acusacións tan graves?
É este o modelo de exemplaridade e tolerancia cero co acoso que ambos partidos aseguran defender?
Desde CCOO lembramos que as institucións públicas teñen o deber irrenunciable de garantir espazos laborais libres de acoso e de actuar sempre con transparencia, rigor e valentía. O respecto ás vítimas, a protección das traballadoras e a dignidade do servizo público deben estar por riba de calquera cálculo partidario.
As ansias de poder nunca poden ser máis grandes ca os valores e os principios que se lle presupoñen a un representante público ao servizo da cidadanía da provincia de Lugo.
A nosa posición é clara:
Tolerancia cero co acoso.
Tolerancia cero co silencio.
Tolerancia cero coa complicidade institucional.