O BNG de Outeiro de Rei, a través das emendas presentadas aos Orzamentos da Xunta para 2026, demanda a posta en marcha de actuacións urxentes para garantir a conservación, mantemento e posta en valor das Torres de Sobrada e Taboi.
A deputada do BNG, Olalla Rodil, subliñou que “resulta inadmisible que a Xunta de Galiza e o propio Concello de Outeiro de Rei leven anos sen mover un dedo pola consolidación destas torres, que están en ruína avanzada e con risco real de derrubo”. Rodil reclamou medidas inmediatas “para frear o deterioro e garantir que non se perda un patrimonio que é de todas e todos”.
O BNG solicita que a Xunta e o Concello elaboren de maneira conxunta un plan de actuación integral para a conservación, rehabilitación e rexeneración destes inmobles históricos. Rodil lembrou que a Lei 5/2016 de Patrimonio Cultural de Galiza fixa con claridade as obrigas das administracións públicas: “A norma establece que tanto a Xunta como as entidades locais deben protexer, difundir e salvagardar o patrimonio, adoptando medidas cautelares cando a súa integridade estea ameazada. Aquí estano, e non se está actuando”.
A deputada nacionalista destacou ademais a dimensión económica do patrimonio: “O noso patrimonio é tamén unha oportunidade de desenvolvemento. Recuperar as torres permitiría crear un recurso turístico e cultural que xeraría actividade económica e valor para Outeiro de Rei”.
O BNG insiste en que non é admisible manter por máis tempo esta inacción e urxe ao Goberno galego a asumir as súas competencias. “A protección do noso patrimonio non é unha opción: é unha obriga legal e unha responsabilidade coa memoria colectiva do país”, concluíu Rodil.
O BNG de Outeiro de Rei instou á Xunta de Galiza, a través das emendas aos orzamentos, a adoptar medidas urxentes para conservar as Torres de Sobrada e Taboi
No hay comentarios
No hay comentarios