Burela celebra esta fin de semana a súa emblemática Festa do Bonito, unha cita declarada Festa de Interese Turístico Nacional en 2019. O evento, que honra un dos produtos estrela da Mariña lucense, arrancou hoxe coa expectativa de congregar a miles de visitantes.
Tras a cerimonia de inauguración e a emotiva lectura do pregón, a cargo do burelés Juan Carlos Enríquez Casas, deuse o pistoletazo de saída á esperada degustación. O bonito, protagonista indiscutible, estase a servir en diversas e saborosas elaboracións, facendo as delicias dos asistentes e consolidando esta festa como un referente gastronómico e cultural en Galicia.