Antonio Ameijide esixe a PSOE e BNG que expliquen aos lucenses cal é o goberno da Deputación de Lugo, “se van intentar formar goberno con Tomé e unha deputada que, presuntamente, o tapaba e se van a permitir que Tomé siga sendo un presidente na sombra”.
O PP da provincia de Lugo esixe ao BNG aclarar a súa postura en relación ao novo escenario político na provincia tras a dimisión de José Tomé ao fronte da presidencia da Deputación de Lugo pero mantendo a acta de deputado e a alcaldía de Monforte de Lemos tamén como non adscrito. “A realidade é que a persoa acusada de presunto acoso sexual continúa nas mesmas institucións e o BNG debe aclarar se está do lado das vítimas ou do lado dos acusados por presunto acoso sexual e se quere ou non a presuntos acosadores fóra das institucións”.
Os dirixentes do PP provincial pregúntanlle aos responsables do BNG “se lles serve esta nova situación rocambolesca”. E lembran que “é a súa responsabilidade tomar decisións” e agardan que explique “se vai apoiar cos seus votos a gobernos machistas”.
Nese sentido, preguntan se “vai estar nun goberno apoiado e dirixido na sombra pola persoa acusada de presunto acoso sexual e por outra deputada que, presuntamente, o estivo encubrindo”. E urxen a explicar se “van formar goberno nestas condicións”.
Os populares condenan o “exercicio de cinismo político” por parte de Tomé e o PSdeG: “en menos de 12 pasaron de negar as denuncias e ser desmentidos polos seus superiores de Ferraz” e “de non haber dimisións pola mañá e anunciar Tomé dimisión pola tarde”. Pero, “todo segue igual”, subliñan. Nese sentido, consideran que “Tomé debe abandonar as súas actas en ambas institucións”.
E engaden que “os socialistas, que se abandeiran do feminismo, aínda non explicaron que pasou, nin aclararon se tiñan ou non coñecemento das denuncias, nin cal é o contido das mesmas, nin cal vai ser a súa postura ao respecto nin que van facer ao fronte da Deputación de Lugo e do Concello de Monforte”.
CAL É A SITUACIÓN NA DEPUTACIÓN DE LUGO?
O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, esixe a PSOE e BNG que expliquen aos lucenses cal é o goberno da Deputación de Lugo nestes momentos. E “se van intentar formar goberno cunha persoa apartada por presunto acoso sexual e cunha das persoas que, presuntamente, taparon a Tomé e que, a día de hoxe, non deu explicación ningunha máis alá de negar todo”.
“Os lucenses merecemos saber quen vai dirixir a Deputación Provincial”, incide. E pregúntase “se o BNG vai permitir que Tomé siga sendo un presidente na sombra, se vai seguir dirixindo a institución provincial dende a sombra unha persoa acusada de presunto acoso sexual”.