Xusta derrota do Celta ante o Bologna na Liga Europa

O Celta, que chegou ao descanso en vantaxa logo do primeiro gol na temporada de Bryan, non foi quen de aguantar a vantaxe, quebrada por un excepcional Bernardeschi, que marchou de Balaídos cun dobrete.
Os de Giráldez, repregados na maior parte do xogo, estiveron imprecisos na saída de balón, o que ademais do 1-2, puido ocasionarlles maiores problemas. O cadro galego mantense en zona de eliminatoria de repesca a dúas xornadas do remate da fase de grupos da Liga Europa.

As luces de Swedberg

O Celta mom puido tomar a iniciativa no primeiro tempo. O cadro italiano fixo recuar ao galego, que por momentos defendeu metido na área. Bernardeschi, aos cinco minutos, activou a Radu cun xute polo centro e desde fóra da área. Pouco despois, Castro non chegou a rematar desde a frontal da área pequena un centro de Rowe.
O cadro galego tiña un problema de distancia de liñas. Moriba baixaba perto da frontal para dar continuidade á saída e entre el e Borja Iglesias había unha enorme distancia.
O 1-0 saíu coa primeira chegada. Swedberg, mantendo o estado de gracia tras o dobrete no Bernabéu, recibiu en tres cuartos, escapou de Lykogiannis cun rápido movemento de recepción e saída, apurou a entrada na área até atraer a atención dos rivais e deu un pase fácil e preciso a Bryan para que o exterior, no centro da área, encaixase o coiro no marco de Ravaglia cun golpeo sobre a herba e polo centro aos 16 minutos. Primeiro gol do malagueño como celeste.
O gol só mellorou ao Celta en que puido controlar que o xogo se desenvolvera máis lonxe da súa área. Logo chegaron dúas accións comprometidas. Aos 26 minutos, unha mala cabezada de Starfelt cara a Radu ficou curta. Rowe roubou, encarou ao romanés, pero o seu disparo pasou a rentes do pau porque o meta rozou o xusto. Tras o córner, un centro desde a dereita, ao segundo pau, rematouno Castro coa testa moi perto do poste.
No minuto 33, Holm, desde a frontal, mandou o coiro por riba da trabe despois de recoller o rexeitamento defensivo a unha falta lateral lanzada por Moro.
A continuación, un pase de Heggem a Ravaglia foi mal resolvido polo meta en primeira instancia porque Swedberg, que acabou esvarando, estivo a piques de roubarllo.
O Bologna mantiña a iniciativa, pero sempre erraba no derradeiro pase. O bote aceleraba máis da conta a velocidade do coiro sobre un “grass” mollado por unha choiva que non cesaba.
O último susto do primeiro período chegou no 42. Sergio errou nun pase perto da área local, regalou o coiro a Fabbian, que veu o desmarque pola súa dereita de Castro, cuxo xute, algo escorado, encarando a Radu, foi rexeitado polo meta céltico.
No primeiro minuto dos dous de prolongamento, Bryan, na súa derradeira acción antes de ser reemprazado no descanso, colgou un centro embeleñado á área, que non atopou rematador.

Bernardeschi, o home da virada boloñesa

O Celta non mudou no segundo tempo alén da entrada de Hugo Álvares por Bryan. Non houbo chegadas até o minuto 58, cando Bernardeschi desbordou ao seu par, colocou un centro atrás para Pobega, que golpeo con dureza á rede. O VAR salvou ao Celta, como pouco despois o liña Ghinguleac, que ergueu a bandeira despois que Pobega fora agarrado e derrubado dentro da área. Neste caso non valeu, o VAR confirmou o penalti e Bernardeschi empatou.
Giráldez fixo tres substitucións de golpe, pero o Bologna seguía presionando, colocando ao Celta en repregamento intensivo.
No minuto 73, un roubo de Cambiaghi en tres cuartos continuou cun pase a Bernardeschi, que entrou fácil na área para virar o resultado cun xute cruzado ao que non chegou Radu.
O técnico porriñés colocou en campo a Miguel por Beltrán para refrescar o centro do campo como último recurso para evitar a derrota.
O remate do partido enlamouse cunha presunta agresión de Moro, antes de ser substituído.
Nos seis minutos de prolongamento non aconteceu nada importante agás dos cartóns a Javi Rueda e Moriba. Agora, os galegos, que complicaron moito a súa clasificación directa, deberán defender o pase á eliminatoria de repechaxe ante o Lille, en Galiza, e o Crvena Zvezda, en Serbia, pero iso será no 2026.

Ficha

XOVES 11/12/2025 (21,00) Campo: BALAÍDOS (20.302)
R.C. CELTA : 1 – BOLOGNA F.C. : 2 (1‑0)

CTA : Radu; Javi Rodríguez, Starfelt, Ristić; Sergio, Beltrán (Miguel 78’), Moriba, Mingueza (Javi Rueda 67’); Bryan (Hugo Álvarez D), Borja Iglesias (Jutglà 67’), Swedberg (Iago Aspas 67’). Tre, Claudio Giráldez. (Banco: Villar (g); Yoel; Manu; Marcos Alonso; Hugo Sotelo; Damián; El-Abdalleoui).
BOL : Ravaglia; Holm, Heggem, Lykogiannis, Miranda; Bernardeschi (Orsolini 79); Moro (Odgaard 87’). Fabbian, Pobega (Ferguson 87’), Rowe (Cambiaghi 67’); Castro (Dallinga 79’). Tre. Vincenzo Italiano. (Banco: Pessina (g); Franceschelli; Zortea; Lucuni; Domínguez).
Goles: 1-0 Bryan 16’; 1-1 Bernardeschi 65’(p); 1-2 Bernardeschi 73’.
Árbitro: Petrescu (Romanía). Auxiliares: Ghinguleac e Voda. 4º árb.: Moldoveanu.
VAR: England. AVAR: Birsan.
Disciplina: CA: Holm 83’; Radu 86’; Javi Rueda 89; Moriba 90

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios