Dupla presentación en Santiago e A Pobra do Brollón do poemario “Agora, eu cariota”

O libro percorre escritos dos últimos seis anos vinculados á ribeira do Sil en Trasmonte (A Pobra do Brollón).

Co título Agora, eu cariota sae á luz o primeiro poemario de Xosé Gago, editado por Laiovento. O autor nútrese da súa experiencia no eido da xestión do patrimonio en comunidade, principalmente no concello da Pobra do Brollón. 

“O poemario está atravesado por unha reivindicación do comunitario, das redes de coidados e da veciñanza como elemento de resistencia,” comenta Gago. 

O volume nace tras anos intensos como técnico de Cultura e da reflexión a partir do seu propio traballo, experiencias vividas e aprendizaxes. Destaca a capacidade de creación de imaxes potentes a través de poemas curtos.

Estrutúrase en torno a varios capítulos. O capítulo central, “Ribeiranas”, está inspirado na experiencia profesional e persoal de Gago nas ribeiras do Sil en Trasmonte, onde participou no proxecto de xestión comunitaria do patrimonio Adegas da Memoria e onde acabou por facerse con viñedo. Así, a ribeira e o mundo da viticultura tradicional teñen un espazo esencial no poemario.

Agora, eu cariota conta cun prólogo da poeta Susana Sanches Aríns e unha nota na contraportada do tamén poeta Xosé Mº Álvarez Cáccamo. Estará nas librarías a partir do próximo 17 de decembro, baixo o selo «VentoAlto», colección de poesía da editorial Laiovento.

Conta con dúas presentacións marcadas: a primeira o 18 de decembro en Compostela, no café-bar Garum, a partir das 20:15 horas. O autor estará acompañado por Xosé Mº Álvarez Cáccamo, a regueifeira Alba María que musicará algúns dos poemas e a actriz Melania Cruz no recitado. 

A segunda será en Trasmonte (Vilachá de Salvadur) o día 21 de decembro ás 13:00 horas no Furancho O Currio. Nesta ocasión o autor estará acompañado de Susana Sanches Aríns e anímase ás asistentes a levar instrumentos para facer foliada ao remate. En ambas presentacións servirase viño da ribeira do Eivedo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios