Faltan luces. Por @DulceCorcu

A moda que impuxo Abel Caballero co acendido das luces de Nadal contáxiase a outros lugares e gobernos, e chegadas estas datas, pululan pola prensa e redes sociais espectáculos que, no canto de parecer festivos resultan máis ben patéticos, cun protagonismo político que nos lembra o tentador que resulta saír na foto e deixarse adular. Dá igual unha cidade grande que unha vila pequena, o caso é verse despois na prensa rodeados de xente feliz que olla para o alumeado coma se lles fose dar de comer. 

Porque tampouco son pouca cousa as inxentes cantidades de euros que se destinan a decorar rúas e institucións, con lugares con tal exceso de adornos que raian o paletismo, ese comprexo de inferioridade que se tenta curar poñendo máis que o veciño. Barra libre para a horterada e o despilfarro, agora tamén con cerimonia retransmitida en directo para maior gloria de alcaldes e alcaldesas, aos que só falta chegar en trineo tirado por vacas, que os renos están afeitos á neve pero non á lama dos carrexos galegos. Non son todos, algúns nin sequera acoden ás liturxias relixiosas  pretendendo gañar o ceo -e o voto- bicando ao Neno Xesús, que esa tamén é unha boa foto, tendo en conta que agora nas igrexas incluso hai «photocall» nos días grandes para posar coas mellores galas diante de virxes máis enxoiadas que calquera feligresa. Os santos teñen moito menos público, non están tan solicitados porque ter unha espada ou unha pluma non pode competir cunha coroa de ouro ou un manto de terciopelo. Pero ao que íamos….Sobran luces, máis o paradóxico é que tamén faltan.

Comparte éste artículo
No hay comentarios