Este último tema pecha a etapa de O NOSO TEMPO, coa que leva traballando dende 2024.
Hugo Guezeta pon fin á súa etapa tras O Noso Tempo coa publicación de A Palabra Como Arma, novo sinxelo do rapeiro. Mantendo o seu espírito combativo e reivindicativo con letras moi directas e melodías inspiradoras, Hugo mergúllase no concepto de dar valor á palabra e loitar por, en colectividade, utilizar a nosa para denunciar as situacións inxustas que se están a vivir hoxe en día nun contexto global caótico. Tamén destacan as referencias ao feito de que non posicionarse en situacións de inxustiza social e humanitaria tamén é unha posición política, reprendendo a todos os que se poñen de lado para obter beneficios individuais ou manter o seu status.
Desta forma, Hugo non perde o foco na súa razón de ser como artista, utilizando a súa voz para ser un transmisor das inxustizas que asolagan tanto Galiza como a propia sociedade actual. O ponteareán mergullouse, co lanzamento de O Noso Tempo, nunha etapa na que combinou a súa faceta máis intimista e introspectiva coa combatividade e reivindicación que leva marcada a súa carreira e a súa vida.
Este novo sinxelo conta novamente coa participación de Peter Petrowski na produción, así como de Arón Ferreiro ás guitarras, compañeiros fieis nesta etapa do rapeiro, tanto na produción dos temas como na xira de presentación dos mesmos. Nesta ocasión, súmase ao tema o último dos integrantes que se sube aos escenarios con Hugo, o seu dj That Bass, que aporta os seus scratches no tema. Xunto ao tema ve a luz un vídeo que o acompaña, gravado por Juancho Everman.
Tras o lanzamento do seu primeiro disco de longa duración en solitario, O Noso Tempo, así como sinxelos posteriores que foron collendo peso na súa xira de presentación, como Equilibrar xunto a Guadi Galego, Crise xunto a Vimbio e revivindo o espírito de SonDaRúa, ou 100 Frases; Hugo pon fin a esta etapa, pechando o ciclo con este último lanzamento e o seu derradeiro concerto do ano na súa casa, na sala JJ Copas de Ponteareas, que se celebrou o pasado 5 de decembro. Desta maneira, o rapeiro pecharase no estudo para traballar no seu seguinte traballo, así como nos seguintes pasos dunha carreira que xa o destaca como un dos grandes nomes do rap e do xénero urbano en Galicia.
MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero. A súa carreira en solitario é o seguinte paso na carreira do artista tras SonDaRúa, grupo do que formaba parte e era unha das cabezas visibles, e que é considerado un dos grandes grupos de rap da historia de Galicia.
O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta, xa que tras acumular grandes concertos, premios e fans baixo o paraugas de SonDaRúa, o seu proxecto en solitario non perdeu forza en ningún momento. O seu último álbum O Noso Tempo acumula máis de medio millón de reproducións en plataformas dende a súa publicación, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e importantes do ano.
As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.
Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco, con sendos concertos esgotando entradas, Hugo remata a súa xira de 2025, onde xa deixou constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo a festivais da talla de Revenidas, A Candeloria, Festigal ou Millo Verde, así como na súa colaboración con algúns dos maiores representantes da música galega, como Guadi Galego ou Dakidarría. Co premio a Mellor Videoclip no Festival Internacional de Curtametraxes XOCIVIGA, reafirma que, sen dúbidas, Hugo Guezeta foi un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.