A plataforma veciñal CHANTADA QUERE SANIDADE, ante a situación límite no Centro de Saúde de Chantada que están sufrindo profesionais e usuarios, convoca unha concentración como primeira medida, á que se prevé sigan outras, para denunciar a falta de médicos e reclamar unha atención digna para os usuarios.
Nas últimas semanas, o Centro de Saúde da vila, en demasiadas xornadas conta unicamente con dous médicos de atención primaria para atender ás preto de 8.000 persoas da comarca. A previsión é que esta situación se prolongue durante todo o mes de decembro, un período especialmente crítico polos picos de demanda asistencial propios do inverno.
As ausencias dos profesionais médicos debido a baixas ou vacacións cúbrense de xeito alterno con persoal alleo ao centro, sen continuidade asistencial e sen asumir tarefas esenciais como a atención domiciliaria. Isto provoca que moitos doentes non consigan cita ou que, mesmo conseguíndoa, cheguen ao centro e non teñan quen os atenda, pois ese día non enviaron médico de reforzo. Por outra banda, os profesionais que se atopan a traballar diariamente reciben unha sobrecarga de traballo esgotadora, á que moitas veces non poden facer fronte.
Hai doentes que xa dende finais de novembro non poden obter cita con algún dos médicos que prestan servizo neste centro de saúde. Estamos a falar de máis dun mes de espera para unha cita de atención primaria.
Esta plataforma veciñal denuncia que anos de falta de previsión e unha xestión deficiente por parte das administracións deixan, unha vez máis, á veciñanza desasistida, mentres os profesionais soportan unha presión laboral extrema e os usuarios padecen demoras intolerábeis. Esta situación reflíctese no día a día do centro, onde se vive un ambiente de incerteza permanente. O persoal non sabe como programar as citas para atender toda a demanda, os médicos non poden garantir unha atención en tempo e forma, e moitos usuarios non saben a onde acudir.
O servizo de Urxencias do Hospital Comarcal de Monforte, que xa de por si está sobrecargado, afonda nun estado de saturación asistencial que acaba chegando incluso ás plantas, onde ingresan casos que ben se poderían ter evitado se a atención primaria actuara nos tempos previstos.
CHANTADA QUERE SANIDADE é unha plataforma veciñal creada en Chantada que agrupa persoas comprometidas coa defensa e mellora da sanidade pública en Chantada e Carballedo, así como na área sanitaria correspondente e no conxunto do país. A plataforma lembra que “coas vidas non se xoga, e a Sanidade Pública é un dos bens máis prezados que temos como sociedade”.