Lugo acollerá unha marcha fúnebre entre centros educativos o martes 16

O martes 16  haberá unha marcha fúnebre con saída ás 10:30 horas desde o CEIP Illa Verde na que se irán empapelando os centros que haxa no percorrido con crespóns negros, esquelas e outra simboloxía mortuoria para evidenciar a situación na que se atopa o ensino público.

As organizacións convocantes das folgas docentes neste trimestre, que sumarán 5 días en total esta semana, intensifican a convocatoria de mobilizacións durante o 16 e 17 de decembro despois de que fracasaran todos os intentos de abrir unha negociación coa Consellaría de Educación que permitan abordar as demandas do profesorado en canto á baixada de ratios no primeiro curso de todas as etapas educativas, a recuperación do horario lectivo previo aos recortes, a dotación de máis profesorado para atender á diversidade ou un plan real de eliminación da burocracia no ensino, entre outras medidas. Despois de interceptar o conselleiro a semana pasada nun acto e entregarlle os escritos que xa lle foran remitidos con anterioridade e de pecharse a semana pasada diante do seu despacho á espera de fixar unha data para unha reunión sen resultado, as convocatorias de folga desta semana prevense de novo maioritarias. Ademais de coincidir coas sesións de avaliación e da afectación que isto poida ter, porque haberá alumnado que non levará os boletíns de notas para casa, a CIG-Ensino e STEG convocan ao profesorado a participar activamente en varias accións que pretenden simbolizar a morte e enterro do ensino público galego durante eses dous días de folga.

O martes 16 terán lugar marchas fúnebres en 15 localidades do territorio galego (ademais das sete cidades tamén haberá estas accións en Monforte (con saída ás 10;30 desde o IES A Pinguela), Moaña, Cangas, Bueu, Redondela, Gondomar, Viveiro (con saída do CEIP de Covas ás 9 horas) e Ponteareas, ademais doutras que se están a organizar noutras localidades). No caso da capital lucense a marcha partirá ás 10:30 horas do CEIP Illa Verde. No percorrido farase parada na EEI Fingoi II, no CIFP As Mercedes, nas escolas de idiomas, danza, música e artes, no IES Sanxilao, no CEIP As Mercedes, no CEIP Rosalía de Castro, no CEIP Anexa, no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, no IES Lucus Augusti, no CIFP Politécnico, no CEIP Quiroga Ballesteros, no IES Xoán Montes e rematarase no edificio administrativo da Xunta de Galicia da Ronda da Muralla. Dadas as dificultades organizativas que tería un percorrido por toda a cidade, faise un chamamento á comunidade educativa a que colabore empapelando o día anterior os centros que quedan fóra do percorrido.

Nas paradas iranse deixando crespóns negros e esquelas, entre outra simboloxía mortuoria, con mensaxes sobre as carencias e demandas dos distintos tipos de centros educativos. Esta acción pretende visibilizar entre a comunidade educativa de cada centro as súas problemáticas concretas pero tamén ante a sociedade en xeral, xa que se porán no exterior dos edificios para que se poidan observar desde a rúa. O sindicato puxo a disposición do profesorado diverso material reivindicativo que poden empregar libremente para escribir as súas demandas nesta ligazón.

Enterro simbólico do ensino público o mércores 17 en Compostela

Un día despois de que se aproben os orzamentos da Xunta e segundo día de folga, o mércores 17, a CIG-Ensino convoca o profesorado, neste caso de toda Galiza, a asistir masivamente a Compostela a unha manifestación na que se emulará o enterro do ensino público. A protesta sairá ás 11:30 horas do Parlamento de Galiza, lugar escollido precisamente por ser onde se aproben as contas públicas da Consellaría de Educación para o vindeiro curso e que, se non hai cambios, priorizarán outros investimentos antes que o de maior contratación de persoal, medida que vai implícita na redución de ratios e horario que solicitan os sindicatos convocantes. Solicítase ás persoas asistentes que veñan vestidas de negro e que porten simboloxía mortuoria. A procesión fúnebre percorrerá as rúas de Compostela até rematar diante da Consellaría de Educación coa lectura dun manifesto.

Comparte éste artículo
No hay comentarios