O Racing Villalbés supera ao Céltiga na Madalena e tamén na táboa

Un gol de Pablo Trigo, aproveitando o disparo de Buyo, desviado por Táboas, ampliou a seis as xornadas sen perder do Racing Villalbés. O 1-0 valeu para superar ao Céltiga, que antes da cita estaba un punto por riba dos chairegos, ambos en zona de fase de ascenso. O conxunto de Juan Rodríguez controlou mellor o partido, conseguindo que co paso do tempo o Céltiga fose diminuíndo ás ocasións. Só a incerteza do resultado, e os últimos ataques visitantes, mantiveron a tensión dun partido que foi mellor no primeiro tempo que no segundo.

O oportunismo de Pablo Trigo

Na Madalena xogaban dous equipos da zona alta da táboa, que quixeron manexar o coiro desde o comezo. A primeira ocasión para Pablo Trigo, que entrou na área logo de recibir un pase desde tres cuartos, encarou a Táboas, pero o seu disparo foi rexeitado polo meta cando só ían cinco minutos.
Pouco despois, no once, Marcos rematou mordido un centro na perpendicular do segundo pau. Álex Santomé aínda tivo que facer un último esforzo coa man para salvar o gol logo do pequeno bote.
O Racing adiantouse aos vinte minutos. Buyo, desde a frontal, mandou un xute colocado que librou Táboas en primeira instancia, pero Pablo Trigo, ben colocado na área, chegou primeiro ao coiro para disparar con comodidade á rede.
Tentou o empate o Céltiga catro minutos despois. Adrián armou a xogada en tres cuartos, Marcos cambioulle a orientación perto da media lúa, abriu á dereita para Anxo, que logo de orientar cara á área, xutou por riba da trabe.
Marcos tamén tivo a súa nun remate que non tivo final, igual que Arnosi, que cunha cabezada mandou o balón alto coa media hora ben superada.
A resposta púxoa o cadro local aproveitando un esvarón de Martín. José Varela colocou o centro ao poste máis afastado e Santi Figueroa, anticipándose a Herrero, sacoulle o remate.
No minuto 40, os locais volveron a aproximarse ao gol en dous corners lanzados por Herrero. No primeiro, o remate na área pequena de Pablo Trigo bateu nas costas dun defensa. No segundo, Táboas meteu os puños para sacar o centro fechado.
Ao fío do descanso, esta vez desde a esquerda do meta visitante, David García volveu meter o balón na área pequena, pero a Da Lama quedoulle algo atrasado e, malia que chegou a rematar, o balón bateulle na man.

O Racing Villalbés mata o partido

O Céltiga quixo ter a iniciativa do xogo tras o descanso, pero foi o Racing, por medio de Rey, quen gozou da primeira ocasión. Taboas conseguiu chegar ao seu disparo na frontal e tocou o suficiente para que a pelota batera na parte superior da trabe cando se cumpría o minuto 57.
Sobre a hora de xogo puido haber goles nas dúas porterías. Primeiro foi na do Villalbés, cun centro de Anxo á cabeza de Adrián, cuxo remate foi salvado por Álex Santomé. A continuación, no outro lado do campo, Pablo Trigo superou co seu disparo colocado a Táboas, pero Martín salvou o 2-0 antes da raia de gol.
O encontro foi baixando as ocasións polo que Luis Carro, vendo que se lle escapaba, perfilou ao equipo dun xeito máis ofensivo para o treito final do encontro coa entrada de Sobrido por Arnosi.
Malia todo, o adiantamento de xogadores no lle proporcionou ocasións até o minuto 88, nun disparo frouxo, desde a frontal, no que Álex mandou o coiro perto do pau.
O choque rematou cun xute de Adrián moi elevado desde a frontal e o Villalbés logra a segunda vitoria consecutiva dunha xeira de encontros invicto iniciada con catro empates. Pola súa parte, o Céltiga, revelación da temporada, pode saír do top 5 da clasificación ao remate desta xornada 14.

Ficha

DOMINGO 14/12/2025 (12,00) Campo: A MADALENA (250)
RACING C. VILLALBÉS : 1 – CÉLTIGA F.C. : 0 (1‑0)

VIL : Álex Santomé; José Varela, Cadra, Vérez, Da Lama, Buyo; David García, Rey (Borja Míguez 74), Javi Varela, Herrero (Make 74’); Pablo Trigo (Anthony 85’). Tre. Juan Rodríguez. (Yago Miguélez (g); Edu Reigosa; Gael; Mosquera).
CEL : Táboas; Santi Figueroa, Rubi, Arnosi (Sobrido 79’), Martín, Dani Prada; Anxo (Rosas 85), Hugo Vázquez (Guille 72’), Giráldez, Marcos (Álex 72); Adrián. Tre. Luis Carro. (Banco: Antón (g); Óscar).
Goles: 1-0 Pablo Trigo 20’.
Árbitro: Davila Fernández (Galiza-Vigo). Auxiliares: Lorenzo Álvarez e Extremadura Hernández.
Disciplina: CA: Arnosi 11’; Buyo 25; Santi Figueroa 89’.

Foto: Javi Rey entre defensas do cadro insular. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios