Os carballeses levan a vitoria de Betanzos na última metade do encontro
Non puido ser. Ao final, levou o partido o mellor equipo. O Ineltrón Santo Domingo Betanzos saíu morder contra Calvo Basket Xiria, nun inicio de partido que puxo un 24- 14 no luminoso, pero o oficio e a rotación dos de Carballo acabaron disipando calquera dúbida dos que pensaban ver un encontro igualado ata o final cando chegou o descanso cun 42-46 que prometía boas emocións no José Maria Valeiro Iglesias “Tocayo”. O 19-26 do 3Q, cunha extraordinaria aportación de Curtis Larousee e Rubén Rey, os interiores foráneos, acabou con todas as esperanzas dun equipo betanceiro ao que se lle acabou o combustible. Gran partido de Abelleira, máis unha vez, (25 puntos e 20 de valoración), bos números de Dani Martín (16 puntos e 16 de valoración) e Nico Lagares (13 puntos e 18 de valoración) e bo +/- de Xavi Folch, que aproveitou os minutos que se lle deron para baixar a diferenza visitante ata os 13 puntos finais (4 puntos, 2 rebotes, 2 balóns recuperados e un mate en 4 minutos).
Así valorou o encontro José Amando Pena “Soviético”, o adestrador local: “Os dous primeiros cuartos estivo bastante igualado: fomos capaces de dominar a posesión de balón e atacar con facilidade. Pero logo, no terceiro cuarto, xa nos viñemos abaixo, sobre todo en defensa pola falta de rebote. No último período dúas triplas consecutivas deles puxéronnos 20 abaixo e aí acabaron as opcións de disputar o partido. Nos últimos 5 minutos, con presión a toda pista, logramos reducir a diferenza, pero xa estaba todo decidido”.
O conxunto betanceiro xa prepara a súa viaxe a León a vindeira fin de semana, onde se medirá ao RDL o domingo 21 de decembro.