Noé, que acababa de estrearse como deportivista e levaba catro minutos sobre o campo, selou a clasificación do Deportivo para os oitavos de final da Copa tras derrotar ao Mallorca. Os dous equipos non se vían desde aquel terrible partido para os galegos en Son Moix, no que un contundente 3-0 apagara o 2-0 a prol dos herculinos na ida e subiron a Primeira en detrimento do cadro branco e azul. Os pupilos de Antonio Hidalgo melloraron nun segundo tempo no que as trabes de ambas portas foron protagonistas.
O Deportivo aguanta o dominio do Mallorca
Desde aquel terrible día de San Xoán de 2019 nunca volveran a cruzarse Deportivo e Mallorca. Agora, noutra competición, o Deportivo tiña a ocasión de curar unha ferida atemporal, a do o comezo dunha crise deportiva, que levou aos branco e azuis a moverse por un submundo futbolístico case descoñecido na súa historia.
O primeiro tempo foi como se esperaba, con control do conxunto visitante, o favorito por ser de Primeira. Malia todo, aos cinco minutos, unha subida de Quagliata, con pase en profundidade para Cristian Herrera, fechouse cun disparo do canario que atrapou Bergström.
O Mallorca tardou outro tanto en dar resposta. Asano, arrancando en posición dubidosa, fixo unha sprint en condución de 30 metros aproveitando a indecisión de Noubi, pero cando pisou área para chutar, topou coa perna de Barcia, que mandou a córner. O xaponés tería dúas máis nos seguintes minutos, Na primeira, Eric Puerto chapou o seu disparo, desde a área pequena, logo dunha xogada de pin-ball, chea de imprecisións duns e doutros. Despois, cun xute raso e cruzado, mandou a bola por diante do pau.
O conxunto insular asumiu o control da pelota, pero o Deportivo, ben organizado, atrapalloulle a velocidade de circulación. O partido reduciuse a un efectivo repregamento do cadro galego, que adurmiñou o xogo até a parte final do período.
A última do primeiro tempo foi un disparo desde fóra da área de Llabrés, que Eric Puerto desviou por riba da trabe.
Noé, observado polo Barcelona, dá o pase a oitavos
Riazor animouse co comezo do segundo tempo do Deportivo. En tres minutos fixeran moito máis que nos 45 anteriores. Primeiro, Villares sacou un pelotazo que estourou na escuadra da meta de Bergström e logo foi Mulattieri, ben orientado para recibir o centro desde a súa esquerda, quen rematou desviado coa cabeza.
Os baleares foron recuperando o pulso ao xogo pouco a pouco e xusto despois das primeiras substitucións por bando, Abdón puido anotar cunha cabezada que pasou perto da meta local.
A continuación, desde lonxe, Mulattieri xutou por fóra, malia que Bergström se estirara para evitar o perigo. Por momentos, o Mallorca excedíase no xogo brusco e encrespou a Riazor, como nunha entrada de Samu Costa.
O Deportivo era capaz de combinar mellor na súa parcela, pero perdía precisión cando procuraba a profundidade.
Ante a falta de espazos por dentro, Samu Costa xutou desde lonxe. Só o colexiado viu que tocara Eric Puerto e Riazor volveu berrar acompañando o protesto do porteiro.
A piques de entrar no último cuarto do encontro, Hidalgo decidiu mudar a parella de atacantes.
O minuto tolo do choque foi no 75. Maffeo, liberado e aberto, recibiu dentro da área un despexe da zaga deportivista a un centro lateral. O seu xute acabou na trabe e deu pé a unha contra local levada por Soriano. Dentro da área, acompañado por Nsongo, cedeu ao fabrilista, que tamén mandou o disparo á parte superior da barra.
Falando do segundo equipo, dous fabrilistas foron os protagonistas de que Riazor fervera aos 83 minutos. Soriano, oportunísimo, roubou a saída do Mallorca na área visitante. O balón caeu á dereita do ataque, Nsongo cabeceou o centro ao pau e Noé, na lupa do Barcelona, que acababa de estrearse como xogador do primeiro equipo coruñés, completou na rede no minuto 83.
No prolongamento, Noubi incomodou o suficiente a Abdón para que a cabezada do ariete saíra desviada.
O Deportivo estará nos oitavos de final, algo que non acontecía desde 2016/17, logo de eliminar ao Betis. O Mallorca caeu en Riazor e o deportivismo sandou unha pequena ferida que deixaran os insulares aquela noite de San Xoán de 2019. Temps era temps …
Ficha
MARTES 16/12/2025 (19,00) Campo: RIAZOR (17,873)
R.C.D. LA CORUÑA : 1 – R.C.D. MALLORCA : 0 (0-0)
CRÑ : Eric Puerto; Noubi, Comas, Barcia, Quagliata; Mella (Luismi 60’), Villares (Noé 78’), Gragera, Rubén (Soriano 60’), Mulattieri (Stoichkov 68’); Cristian Herrera (Nsongo 68’). Tre. Antonio Hidalgo. (Banco: Germán (g); Loureiro; Quique Teijo; Patiño; Peke; Eddahchouri).
MAL : Bergström; Mateu Morey (Salhi 80’), David López (Valjent 60’), Kumbulla, Lato (Maffeo 70’); Sánchez, Samu Costa, Pablo Torre (Darder 70’); Asano, Abdón, Llabrés (Virgili 80’). Tre. Jagoba Arrasate. (Banco: Leo (g); Raíllo; Ale García; Mateo Joseph; Marc Doménech; Muriqi).
Goles: 1-0 Noé 83’.
Árbitro: Ortiz Arias (Madrid). Auxiliares: Garrido Romero e Santiago Sacristán. 4º árb.: Cueto Amigo.
Disciplina: CA: Barcia 89’.