CCOO Servizos convocou para este xoves, 18 de decembro ao mediodía, concentracións de protesta en centros comerciais de varias comunidades autónomas pola precariedade laboral que sofren as traballadoras e os traballadores do sector de Grandes Almacéns (GGAA).
Unha xornada de acción reivindicativa para esixir ás empresas e á patronal do sector, ANGED (Asociación Nacional de Grandes Empresas de Distribución), melloras laborais e salariais ás portas dun dos períodos do ano con maiores picos de vendas.
O que denominamos simbolicamente Nadal Vermello busca facer visible o malestar xeneralizado das persoas traballadoras, cada vez máis expostas a maiores cargas de traballo e a dificultades para conciliar, tal e como reflicte a nosa última enquisa de clima laboral.
Na sondaxe, realizada entre o 1 e o 8 de decembro, case o 100 % das persoas enquisadas afirma sufrir sobrecarga laboral e falta de descanso. Entre as principais demandas destaca que o traballo en domingos e festivos sexa voluntario e estea compensado economicamente, unha mellora que apoia o 75 % do persoal e que CCOO Servizos asume de cara a futuras negociacións coas empresas.
En Galicia, este malestar incrementouse tras a decisión da Xunta de Galicia de permitir a apertura os días 26 de xullo, domingo, e 15 de agosto, sábado, impedindo o descanso de dous fins de semana no verán para o persoal de Grandes Almacéns, en datas especialmente sinaladas en Galicia.
CCOO convocará xornadas de folga neses dous días como protesta polas condicións de sobrecarga de traballo e pola imposibilidade de conciliación, co obxectivo de que o persoal poida manifestar o seu rexeitamento a unha decisión da Xunta de Galicia que antepón as peticións da patronal ANGED en materia de horarios e aperturas comerciais e que só pensa nos beneficios económicos, en detrimento da conciliación da vida laboral e familiar e da saúde do persoal.
Á presión laboral diaria pola falta de descanso súmanse os baixos salarios do sector, un dos peor retribuídos do Estado e onde máis se está evidenciando a fenda provocada pola perda de poder adquisitivo dos últimos anos.
CCOO Servizos quere ser a voz dos cadros de persoal e, por iso, esiximos:
- Traballo en domingos e festivos voluntario e compensado.
- Fin das sobrecargas, con reforzo de persoal nos picos de vendas.
- Salarios dignos e xustos, acordes co esforzo realizado.
- Incentivos reais e motivadores.
- Máis conciliación e descanso.
- Redución de horarios ampliados, especialmente para persoas maiores de 55 anos.
- Respecto do calendario laboral, sen cambios arbitrarios.
- Cobertura das baixas e das ausencias.
- Protección da saúde física e mental.
Convocatoria de concentracións — 18 de decembro, 12:00 h
Puntos de concentración
Galicia
- Carrefour Ourense: Rúa dos Emigrantes, 1
- Alcampo A Coruña: Lugar Palavea, 1
Madrid
- Carrefour La Gavia
- El Corte Inglés Campo de las Naciones
Andalucía
- El Corte Inglés Nervión (Sevilla)
- Makro Málaga
Cataluña
- IKEA L’Hospitalet
Castela e León
- IKEA Valladolid