Iria Castro: “A Xunta do PP volve dar as costas a Castroverde e ignora necesidades básicas de mobilidade e atención sanitaria”
O Bloque Nacionalista Galego de Castroverde denuncia que o Partido Popular rexeitou a totalidade das emendas presentadas polo BNG aos Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2026, propostas dirixidas a mellorar servizos públicos esenciais e a calidade de vida da veciñanza do concello.
A portavoz municipal do BNG, Iria Castro, lamentou que “un ano máis, o PP utilice a súa maioría absoluta para bloquear investimentos necesarios en concellos rurais como Castroverde, demostrando unha absoluta falta de compromiso coa seguridade viaria, coa mobilidade e coa atención sanitaria da nosa veciñanza”.
Emendas instalación marquesiñas
Unha das emendas rexeitadas recollía o cambio e instalación de marquesiñas e a mellora da sinalización horizontal e vertical nas paradas de autobús da LU-530 ao seu paso polo concello. Das nove paradas existentes, só unha conta cunha marquesiña en bo estado, mentres que o resto carecen de sinalización adecuada ou presentan infraestruturas deterioradas e mesmo oxidadas.
“Nin sequera falamos de grandes obras, senón de condicións mínimas de seguridade. A veciñanza está obrigada a agardar o autobús nunha das estradas con máis tráfico, sen protección ningunha, o que supón un risco evidente”, advertiu Castro, quen subliñou que “a falta de marquesiñas e sinalización tamén desincentiva o uso do transporte público nun concello cunha poboación envellecida e con moitas persoas en idade escolar que dependen deste servizo”.
Emendas accesibilidade no centro de saúde
O PP tamén rexeitou a emenda do BNG para a reforma dos aseos do centro de saúde de Castroverde co obxectivo de garantir a súa accesibilidade, xa que actualmente non permiten o uso por persoas con mobilidade reducida nin con cadeira de rodas.
“Estamos a falar dunha infraestrutura sanitaria básica nun concello cunha media de idade moi elevada. Que os aseos non sexan accesibles non só é unha mala práctica, senón que incumpre a normativa vixente e vulnera dereitos fundamentais”, denunciou a portavoz nacionalista.
Desde o BNG de Castroverde consideran que estas decisións evidencian que “para o goberno do PP na Xunta, os concellos rurais non son unha prioridade”, e reiteran que seguirán reclamando investimentos xustos e servizos dignos para a veciñanza. “Non imos resignarnos a que Castroverde siga sendo invisible para a Xunta de Galiza porque o noso concello merece máis”, concluíu Iria Castro.