Un pésimo primeiro tempo e uns penaltis infames poñen o Celta fóra da Copa ante un Segunda

Os experimentos de Giráldez baseados en criterios rotatorios ás beiras do Nadal trouxeron carbón ao do Porriño. Unha primeira parte tirada pola borda, unha reacción na segunda encabezada por Borja Iglesias, que por molestias non puido xogar a prórroga, e un gol no prolongamento de Vallejo, levaron o partido a trinta minutos máis de estéril dominio galego. Despois chegaron uns penaltis nos que o Albacete anotou tres e o Celta ningún. O cadro vigués, que xa sufrira na anterior rolda eliminando nunha mellor quenda ao Sant Andreu, de cuarta división, non pasou a oitavos ante outro de segunda cun infame 3-0.

Unha redución de espazos mal medida

O Celta non puido facerse coas rendas do partido ao comezo. Ao Albacete, mesmo estando algo máis pregado, abondoulle a disposición táctica para disputarlle a pelota aos galegos, que logo do cuarto de hora deixaron ver que parecían máis o equipo da Copa que gañou nos penaltis ao Sant Andreu, que ao da liga, que derrotou ao R. Madrid e ao Athletic.
Así, apañaron na primeira chegada importante dos locais cando se cumprían 17 minutos. Mingueza non presionou debidamente a Capi. O volante observou o desmarque de Jefté, beneficiado pola desvantaxosa distancia que lle deu Yoel na redución de espazos. O punta canario só tivo que avanzar e, dando dous pasos na área, cruzou á rede fronte a Villar.
O gol desconcertou aos de Giráldez e Valverde tivo o segundo aos vinte minutos de xogo. Ao cadro galego incomodáballe o sistema de Alberto González. O Albacete era o dono do partido con accións moi rápidas, como nunha combinación entre Escriche e Gámez que non subiu ao marcador.
Algo máis asentado, o Celta comezou a aproximarse á área de Raúl con máis criterio construtivo que finalizador. Así erraron disparos Hugo Álvarez, Javi Rodríguez e El-Abdellaoui cando a media hora de partido.
Ao descanso chegouse cun xogo empobrecido pola táctica do Albacete, cun Celta incapaz de superala e cun gol a prol dos locais no único remate entre paus do período.

Yoel compensa, Borja Iglesias salva e Vallejo forza a prórroga

Giráldez debeu mostrarse incómodo no vestiario e entrou ao segundo período con tres novos. O Celta comezaba a tomar en serio o partido e El-Abdellaoui tivo o empate logo dun pase de Moriba. Tamén o Albacete puido ampliar a distancia cun disparo ao pau de Meléndez no minuto 55.
O partido gañara ritmo e ocasións. Borja Iglesias non puido aproveitar unha parede lenta. Anotou, pero recibiu a devolución de Moriba en fóra de xogo. O Albacete sentía que podía dar a sorpresa e González introduciu no xogo a dous titulares, Vallejo e a Puertas. Acabarían sendo importantes.
Yoel, que estivera mal no gol local, compensouno no minuto 63 cunha cabezada na que se desmarcou de Gómez para rematar un saque de esquina. Raúl chegou a tocar sen impedir que o coiro entrara na portería.
O partido virou nunha acción entre dous clásicos: Mingueza, pasador, e Borja Iglesias, rematador. O compostelán, entre o central e lateral esquerdo, baixou a pelota co peito na área pequena e golpeou onde non podía chegar Raúl (1-2).
O Albacete, que acababa de usar a segunda xanela, adiantou liñas. Forzou dous saques de recanto. No primeiro, Villar non se deixou sorprender por un xute raso de Lorenzo e despexou perto da base do poste.
Alberto González tivo que modificar o debuxo e reducir os cinco defensas para que o seu equipo tivera máis presenza ofensiva. Coa reformulación adiantou a presión e atrapallou a saída do Celta. O dominio manchego obrigou aos de Giráldez a un repregamento intensivo.
No terceiro minuto do prolongamento, un centro do ex céltico Agus foi cabeceado por Vallejo, a quen Starfelt non puido parar no duelo de centrais. Villar estirou, mais non salvou o empate. O partido engadía trinta minutos.

Dominio estéril e infame quenda de penaltis

Borja Iglesias debeu deixar o partido antes da prórroga. Jutglà ocupou a súa posición. O Celta controlou o xogo e malia que Villar salvou un remate de Morcillo, Jutglà, fechando unha contra encamiñada por Swedberg, puido adiantar aos galegos cun xute axustado que desviou Raúl no minuto 101.
Non 112 foi Moriba, logo dunha recuperación de Jutglà, quen xutou dentro da área. Raúl estirouse e abortou o gol. No 115, Iago Aspas non chegou ben a un centro sobre a herba de Hugo Álvarez. O propio pasador recoñecía que aplicara moita forza no servizo. Despois foi Villar quen chapou un xute desde lonxe de Morcillo.
Na quenda de penaltis, nin Mingueza, nin Hugo Álvarez, que sigue sen espertar, nin Iago Aspas foron quen de bater a Raúl. O Albacete meteu os tres e estará en oitavos.

Ficha

MÉRCORES 17/12/2025 (19,00) Campo: CARLOS BELMONTE (12.106)
ALBACETE B. : 2 – R.C. CELTA : 2 (1-0) 2-2 [3-0]

ALB : Raúl; Lorenzo (Gámez 94’), Javi Moreno, Villar (Ricky 71’), Neva (Agus 80’), Gómez; Escriche, Capi (Vallejo 57’), Meléndez, Valverde (Morcillo 71’); Jefté (Puertas 57’). Tre. Alberto González. (Banco: Mariño (g); Bernabéu; Jon García; Pacheco; Lazo).
CEL : Villar; Javi Rodríguez, Yoel (Starfelt 80’), Ristić (Manu D); Javi Rueda [(Borja Iglesias D) (Jutglà F)], Moriba, Hugo Sotelo (Miguel D); El-Abdellaoui (Swedberg 71’), Iago Aspas, Hugo Álvarez. Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Marc Vidal (g); Damián; Cervi; Marcos; Hugo González).
Goles: 1-0 Jefté 17’; 1-1 Yoel 63’; 1-2 Borja Iglesias 74’; 2-2 Vallejo 90’.
(Ptis) 1-0 Puertas; 1-0 Mingueza (poste); 2-0 Ricky; 2-0 Hugo Álvarez (desvía Raúl ao poste); 3-0 Vallejo; 3-0 Iago Aspas (alto).
Árbitro: Guzmán Mansilla (Andalucía). Auxiliares: Martínez Serrato e Ríos Vargas. 4º árb.: Tárraga Lajara.
Disciplina: CA: Javi Rueda 45’; Puertas 69’; Yoel 69’; Escriche 107’.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios