Ana Miranda: “As emendas presentadas polo BNG contemplan a realidade galega, as competencias lexislativas propias e que que Galiza é unha nación altamente dependente da pesca”.
Tras a aprobación do informe “Descarbonización e modernización da pesca da Unión”, Ana Miranda salientou a importancia das achegas realizadas polo BNG que foron admitidas, contemplan a realidade galega e están encamiñadas a mellorar o acceso aos fondos para levar a cabo a descarbonización e as condicións laborais e sanitarias da pesca artesanal.
“No Parlamento Europeo loitaremos para que o informe aprobado hoxe teña repercusión positiva en Galiza e se teña en conta realmente a diversidade da UE, tal e como figura no texto aprobado”, salienta a eurodeputada galega integrante da Comisión de Pesca da Eurocámara, quen considera que “non podemos permitir que Europa siga limitando a nosa frota, obrigándoa a modernizarse e nun proceso de descarbonización sen que haxa axudas públicas”.
Neste sentido Ana Miranda subliña que “os nosos mariñeiros, os nosos armadores e as nosas mariscadoras non poden pagar sempre os pratos de ter que facer unha modernización e unha descarbonización desa frota sen que se reciban axudas”. Segundo tras a aprobación do informe, o BNG introduciu emendas nas que se contempla a realidade galega, as competencias lexislativas propias e nas que se teña en conta que Galiza ten que ser considera nación altamente dependente da pesca precisamente para acceder as axudas”.
Contra a discriminación
“Non podemos ser sempre os que perdemos, como está pasando coas cotas, como acaba de pasar coa cota da xarda e como acaba de pasar tamén no reparto de especies e coa ameazada de que os fondos de pesca van ser cada vez menores”, manifesta, a eurodeputada do Bloque, quen subliña que seguirá traballando no Parlamento Europeo para que as institucións europeas teñan en conta as necesidades do sector pesqueiro galego
Neste sentido reitera o seu compromiso para que Bruxelas recoñeza que Galiza é unha nación altamente dependente da pesca galega e deixe de ser discriminada na toma de decisións coa complicidade do Partido Popular. “Hai que lembrar que tanto o presidente da Xunta, como o Comisario de Pesca, a presidenta do Parlamento Europeo e a presidenta da Comisión Europea son do PP”, apunta Ana Miranda.