Cando situacións tan graves como o acoso se utilizan como «munición» en guerras de despacho, prodúcese un dano colateral terrible. As principais prexudicadas son as mulleres que si sufriron un calvario auténtico e tiveron que pasar polo trauma dun proceso xudicial.
O que está a suceder no PSdeG parece un deseño elaborado polo seu peor inimigo, pero a realidade é máis triste: é un dano autoinflixido. Nestas guerras internas, onde as denuncias de acoso saltan á palestra como armas guindadizas, estamos entrando nun terreo moralmente perigoso. Non se trata de dubidar da veracidade das vítimas nin de romper a presunción de inocencia dos acusados, pero si de denunciar o uso político de dramas humanos.
O verdadeiro drama é para quen, de xeito anónimo e sen focos, tivo que recorrer ao castigo penal para frear a un acosador real. Utilizar estas acusacións como «moeda de cambio» ou como ferramenta para derrubar a un rival interno é unha falta de respecto cara a todas elas. O acoso non é unha estratexia de comunicación; é un delito ou unha falta gravísima que debe dirimirse en sede xudicial, non en filtracións de partido a os medios de comunicación.
Chalanear con estas situacións definen a quen o fai. Demostra que hai persoas ás que só lles interesa o seu propio ascenso, aínda que para iso teñan que pisar a dignidade dun protocolo que debería ser sagrado. Se hai acoso, a denuncia debe ir ao xulgado con todas as consecuencias; se o que hai é unha loita polo poder disfrazada de ética, o que queda é un baleiro moral que os votantes non van perdoar.
O silencio dos cómplices
A gravidade do sucedido en Lugo transcende a propia denuncia. Mentres a vítima, totalmente inocente, agardaba protección, atopouse cun muro de silencio institucional levantado por quen tiña o deber moral e político de actuar. A falta de responsabilidade de José Ramón Gómez Besteiro, Lara Méndez e Pilar García Porto é o que sitúa este escándalo nun nivel superior de indignidade.
Os tres eran coñecedores da situación e os tres decidiron poñerse de lado. O caso de Besteiro é especialmente sangrante: como un San Pedro moderno, cambiou de versión ata tres veces en 48 horas, pasando do «non sei nada» a un «lembro que alguén me dixo algo» que soa a escusa barata de quen se ve acurralado.
Esa estratexia de manterse «calladiños» para que o ruído non espante as poltronas é o que máis fere á base social. Mentres se enchen a boca con discursos de igualdade, a prioridade real parece ser que ninguén se decate de nada para poder seguir tirando, sen sobresaltos, da teta do diñeiro público a fin de mes. O problema do PSdeG xa non é que teñan ovellas negras; o problema é que os pastores prefiren mirar para outro lado mentres o lobo campa ás súas anchas.