Carme da Silva exemplifica no proxecto eólico do Greco a ausencia de planificación e coordinación no despregamento da eólica na Galiza: “onde, canta e para que?”
A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia ante o Secretario de Estado de Enerxía a ausencia de planificación e coordinación institucional no despregamento da eólica en Galiza e pídelle rexeitar proxectos eólicos como o Greco que pretenden converter a Galiza nunha zona de sacrificio. Da Silva sinala que a planificación debe ter en conta as sinerxias entre parques existentes ou en tramitación porque, do contrario, estarase a superar a capacidade de cargo do medio.
Durante a súa intervención, Carme da Silva deixou claro que o BNG non cuestiona a produción de enerxía eólica, senón o modelo co que se está a implantar na Galiza e, neste sentido, enfatiza en que “non se trata de cuestionar a produción de enerxía eólica, senón de responder as pregunta: onde, canta e para que?”.
Para evidenciar o desequilibrio territorial, a senadora nacionalista comparou a situación galega coa da Comunidade de Madrid e preguntou cantos vatios de enerxía eólica ten instalados este territorio. A senadora nacionalista indicáballe que era unha cifra redonda: “cero”. Mentres, a Galiza posúe a día de hoxe máis de 4.000 millóns de potencia instalada e outros catro mi millóns en tramitación.
Carme da Silva puxo como exemplo o proxecto eólico Greco, “un dos decenas que neste momento ameazan todo o territorio galego” cunha potencia de “109,2 MW, con 21 aeroxeradores de 177 metros, como un edificio de 60 plantas”, e cunha infraestrutura de evacuación que afecta aos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Lama, Fornelos, Covelo, Avión e Beariz, incluíndo a mina de Doade.
A senadora do BNG advertiu de que a Galiza está a vivir “un boom eólico para duplicar a potencia instalada”, que se está a desenvolver “sen planificación e alterando procedementos e trámites ambientais segundo van indicando as eléctricas”. Neste sentido, cuestionou se existe “algún tipo de planificación e coordinación coa Xunta no desenvolvemento eólico na Galiza” ou se, pola contra, “mandan as eléctricas”, aclarando que “esa última é unha pregunta retórica”.
Da Silva alertou tamén da acumulación de proxectos nun mesmo territorio e preguntou se é razoable “instalar máis de 400 aeroxeradores nun radio de 20 quilómetros” e se é “admisíbel o impacto ambiental, territorial e social que se nos obriga a asumir”. Engadiu que, de maneira simultánea ao proxecto Greco, se está a tramitar outro megaparque, Baro, “que é un calco do Greco”.
Neste contexto, a senadora nacionalista demanda ao Ministerio contemplar análises de sinerxías entre estes parques e outros xa existentes, advertindo do risco de “superar a capacidade de carga do medio”, e lembrou a sentenza do Tribunal Supremo do 2 de abril de 2025 sobre o parque eólico de Moeche como precedente relevante.