Un inesquecible Ourense C.F. cae na prórroga contra o Athletic

Jauregizar, na última xogada do primeiro tempo da prórroga, eliminou ao Orense C.F. da Copa. O cadro galego fixo un brillante partido no contexto dun extraordinario torneo. O cadro galego puido gañar se Vivian non desvía un xute de Ouhdadi no minuto 88. O cadro vasco foi superior e achegouse ao gol logo de varios remates salvados por Alberto, ou un de Guruzeta que bateu na trabe. O cadro das Burgas despídese da competición eliminado a dou primeiras e caendo con gloria contra un equipo de Champions,

O Ourense manda no primeiro cuarto de hora e compite o 0-0

O Ourense sorprendeu ao Athletic cun comezo de partido no que igualou a intensidade até equilibrar o xogo durante o primeiro cuarto de hora. O conxunto galego atopouse cómodo nesa fase de xogo, que lle deu confianza para dar un paso máis.
A primeira chegada foi un centro de Amín, que Vivian resolveu despexando. Pouco despois foi Padilla quen atallou un centro do punta canario.
Un dos factores que determinaban o control e aproximacións galegas partía da toma de decisións ante o estado do céspede.
O campo, moi parcheado no centro, comezou a dar problemas na circulación. Os dous equipos prescindiron dos seus homes de construción, pero mentres os vascos optaban por un fútbol vertical, no que Sancet agarraba algún balón e Guruzeta ningún, o Ourense facía pases longos diagonais, sobre todo de Hugo Sanz, desde a esquerda, que facilitaban as súas progresións.
Os locais sumaron tres saques de esquina no primeiro cuarto do encontro, antes que un centro de Amín paseara pola área pequena sen ser rematado.
A resposta biscaíña deuna Iñaki Williams, quen por non esperar o regalo defensivo xutou contra o lateral externo da malla.
Un minuto despois, no 24, o internacional ganés chegou con mínima vantaxe á area, pero en lugar de disparar procurou un pase atrás sen que outro do seu equipo o acompañara.
Antes de alcanzar o último cuarto do primeiro período o Athletic espertou, intimidado polo enfado de Valverde na banda.
Vesga apuntou por fóra despois de recibir un pase de Guruzeta, e o ariete e Izeta erraron na finalización dun centro de Boiro.
No treito final, Guruzeta rozou a trabe noutro remate no corazón da área, e xirou mal o pescozo para embocar un centro no minuto 40.
O xogo enredouse un pouco nos últimos minutos polo que Vesga e David Muñoz viron respectivos cartóns en xogadas case continuadas.

Resistir e esperar

Non houbo modificacións no comezo do segundo tempo, nin no guion, nin nos 22 protagonistas que seguiron baixo a persistente choiva que ía esnaquizando a cada pouco o céspede bicolor do Couto.
Ao minuto, Izeta xutou por riba da trabe e, no 48, Vesga cruzou outro lanzamento desde a frontal. A pelota lambeu o pau. A presión athlética aumentou nos seguintes minutos. Lekue, en posición de ataque, rematou tamén por fóra o quinto centro dos vascos á área no segundo período.
A primeira hora de partido convidou aos técnicos a renovar peóns. Antes foi o Ourense, incorporando a Yuste e Castillo e logo foi o Athletic, retirando a Williams por Berenguer e a Vesga por Jauregizar.
A posterior entrada de Nico Williams buscaba maior capacidade de desborde. No minuto 71, un centro Gorosabel rematouno Guruzeta á escuadra.
Na recta final, Nico Williams temporizou na área e inventou un disparo axustado á trabe que Alberto puido tocar para evitar a eliminación. Era o minuto 85. Despois, o ex fabrilista tamén chapou a cabezada de Vivian nun centro de Boiro.
O Ourense, á contra, estivo a piques de adiantarse cun disparo dentro da área de Ouhdadi, pero Vivian desviou.
Dani Llácer montou unha muralla, que estivo a piques de rachar no comezo do prolongamento, cun disparo co interior de Berenguer detido por Alberto.
O Couto vibrou máis cando Munuera Montero asubiou o remate facendo que o encontro tivera outra media hora.

Un golazo de Jauregizar

O Ourense sentiuse máis liberado na prórroga, con máis capacidade de chegada malia que unha deixada de Nico Williams foi estragada por un mal disparo de Jauregizar na primeira ocasión reseñable do engadido. Logo dun equilibrio no dominio, na derradeira falta do período, que supuxo o cartón para Adri Pérez, Jauregizar voleou á rede a deixada de cabeza de Berenguer. O Ourense tentouno no derradeiro cuarto de hora no que o Athñetic mostrouse firme e creando perigo á contra.

Ficha

XOVES 18/12/2025 (19,00) Campo: O COUTO (7.500)
OURENSE C.F. : 0 – ATHLETIC C. : 1 (0-0) 0-0

OUR : Alberto; Coto, Carmona, Adri Pérez, Hugo Sanz; Jerín (Punzano DP), David Muñoz (Yuste 59’), César (Castillo 59’); Aranzabe (Guerrero 69’), Amín (Aymane 88), Ouhdadi (Piera 88’). Tre. César Llácer. (Banco: Ratón (g); Miguel Prado; Rabadán; Camus; Vázquez).
ATH : Padilla; Gorosabel (Areso 89’), Vivian, Lekue, Boiro (Paredes F); Williams (Jauregizar 63’), Rego, Sancet (Gómez 98’), Vesga (Berenguer 63‘), Izeta (Nico Williams 69’); Guruzeta. Tre. Ernesto Valverde. (Banco: Unai Simón (g); Monreal; Ruiz de Galarreta; Selton; Serrano).
Goles: 0-1 Jauregizar 105’.
Árbitro: Munuera Montero (Andalucía). Auxiliares: Prieto López de Ceraín e Martínez Moreno. 4º árb.: Crespo Puente.
Disciplina: CA: Vesga 43’; David Muñoz 44’; Rego 78’; Coto 90’; Adri Pérez 105’; Castillo 106’; Jauregizar 107’.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios