O Ineltrón Santo Domingo Betanzos pecha o ano en León

A expedición betanceira, marcada polas baixas, xoga contra o RDL o domingo 21.

Último partido do ano para o Santo Domingo Betanzos. O rival, un Caja Rural Reino de León que ocupa o quinto posto na liga con dúas vitorias de avantaxe sobre os betanceiros, é un equipo con experiencia en liga que volveu ascender á categoría a última temporada tras un par de temporadas en Primeira Nacional. Centrado nun xogo áxil e con moitas rotacións, o conxunto leonés conta nas súas filas con xogadores coma Miguel Domínguez Iturza (15.9 ppp) ou o mozo Álvaro González Cordero (2006, 17.9 p.p.p. e 12.7 rebotes de media), ben secundados na anotación por Yago Iglesias (15 p.p.p) e Miguel González Blas (9,6 p.p.p) ambos os dous, ao igual que González Cordero, debutantes na categoría.

Os betanceiros, que viaxarán á capital leonesa na tarde do sábado, contarán, ademais das consabidas baixas por lesión, con algunha outra por causas persoais, o que incrementará sen dúbida a dificultade do encontro que se vai celebrar o domingo, ás 12.30h, no Palacio de los Deportes de León.

Así valora a cita José Amando Pena “Soviético”, o adestrador do Ineltrón Santo Domingo Betanzos: “O partido de León preséntase difícil. É un equipo moi forte. Aínda que non ten moita altura, conta con xogadores moi intensos. Agardo que nos saibamos imprimir tamén esa intensidade en defensa e poder contrarrestar o seu xogo. Se somos capaces de ter boas porcenatxe en ataque e evitar perdas de balón, estou convencido de que podemos gañar o partido”.

Última xornada antes da parada de Nadal e aninovo

Polo que toca ao resto do club, a xornada do 20-21 de decembro tamén supón a última do ano pola inminencia das festas do Nadal. O sénior feminino recibe o domingo ás 17h o Club Balocnesto do Lea, La Goleta ao Liceo la Paz, ese mesmo día ás 10h, e o outro sénior masculino de Terceira ao Sagrado Corazón de Lugo. No que respecta á canteira destacan as semifinais da fase de inverno que xogan as infantís de Warnier en Montrove, os cuartos que disputan os infantís de Cyrdega contra Golfiños, así como os oitavos de final que medirán a Grelo e ao J.Caamaño Arquitecto, os conxuntos cadetes masculinos, a Golfiños Sada e Los Rosales, respectivamente. Por último, se o cadete feminino de Decornaveira xoga contra Montrove o seu primeiro partido no grupo do 9o ao 12o posto da fase de inverno, os equipos de canastra pequena (91o Premini feminino, Premini masculino, Sansto 2015 e Piccola Alameda) despiden o ano no Agra II.

Comparte éste artículo
No hay comentarios