O Ineltrón Santo Domingo Betanzos acabo o ano con derrota en León

85-70: o 1Q do Reino de León deixou sen opcións aos betanceiros.

Non houbo moita historia. Concorría o Ineltrón Santo Domingo Betanzos no Palacio de los Deportes de León, para render visita ao Caja Rural Reino de León no que ía ser o último partido do ano, e o partido, o que se di o partido, dilucidouse nuns 10 primeiros minutos nos que, encomendados ao xogo exterior (os locais sumaron 15 triplas ao final do encontro, por tan só 2 dos visitantes), os leoneses deixaron no marcador un 29-14 que, sen ser definitivo, ao remate marcou a distancia na que se moveu o encontro nos seguintes minutos. Competiu o Santo nos tres cuartos restantes (21-20, 19-20, 16-16) pero o mal, como vulgarmente se di, xa “estaba feito”. Nuns lances en que nunca se puido baixar dos dez puntos de desvantaxe (malia as esperanzas despositadas en triplas fallidas que lograrían rebordar esa diferenza psicolóxica) o equipo de José Amando “Soviético” e Alberto Caamaño “Jimbo”, que suma a segunda derrota consecutiva e comeza a sentir o alento dos equipos en descenso na caluga, non deu sensación de poder sacar nada positivo na capital leonesa en ningún momento.

No plano individual cabe destacar o dobre-dobre de Randolph, cada vez máis aclimatado á categoría (20 puntos e 12 rebotes) e de Luis Portilla (11 puntos e 13 rebotes), que foi de menos a máis durante o partido, os 13 puntos, 5 rebotes e 7 asistencias de Abelleira e o debut de Manuel Agraso co equipo. No lado negativo, ese 2 de 20 en triplas co que nunca se pode esperar facer gran cousa nunha liga como a Terceira FEB.

Así valoraba o encontro Jose Amando “Soviético”, de volta nas Mariñas, tras unha difícil viaxe de regreso por culpa da neve: “Non tivemos ningunha opción de gañar o partido. O acerto do RDL no primeiro e segundo cuarto foi un lastre demasiado grande para o resto do partido. Melloramos na defensa nos dous últimos cuartos, pero non fomos capaces de meternos no encontro. O pouco acerto no tiro de tres e nos tiros libres non nos permitiu nin achegarnos no marcador”.

Tras o parón polas festas de Nadal, Aninovo e Reis, a liga regresa a fin de semana do 10-11 de xaneiro cun partido que non se pode perder contra o Obradoiro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios