Martín Códax nomea «Amigo de Honra» a Alfonso Rueda no marco do seu 40º aniversario

Bodegas Martín Códax celebrou esta tarde a súa tradicional Xuntanza de Nadal cos socios, un encontro moi especial que este ano coincidiu coa celebración do 40º aniversario da cooperativa e que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

O presidente da Xunta foi recibido nas instalacións da adega polo Consello Reitor e o equipo de dirección, para posteriormente participar no acto institucional celebrado no salón social, xunto aos socios da cooperativa.

Durante o evento, Bodegas Martín Códax fixo entrega a Alfonso Rueda da distinción de Amigo de Honra, un recoñecemento que a cooperativa outorga a persoas que destacan polo seu apoio ao sector vitivinícola galego, á defensa do rural e á promoción do territorio. Con esta distinción, Martín Códax dá continuidade á tradición de render homenaxe aos presidentes da Xunta de Galicia en agradecemento ao respaldo institucional ao longo destes anos.

Ademais do presidente da Xunta, o acto contou coa asistencia da conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez; do presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez; e do presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, José Manuel Cores Tourís, entre outras autoridades e representantes institucionais.

O presidente de Martín Códax Viticultores destacou durante a súa intervención «a importancia de contar co apoio das institucións para garantir o futuro do rural galego e da viticultura como motor económico, social e cultural do noso territorio», ao tempo que puxo en valor os 40 anos de historia dun proxecto colectivo construído por e para os viticultores.

Pola súa banda, o presidente da Xunta agradeceu o recoñecemento e salientou o papel de Martín Códax como referente da viticultura galega, embaixadora dos viños das Rías Baixas e da cultura galega no mundo e exemplo de modelo colaborativo, sostible e innovador.

O acto rematou cun encontro distendido entre socios, directiva e autoridades, no que se puxo de manifesto o orgullo compartido por estas catro décadas de traxectoria, compromiso co territorio e aposta pola calidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios