Quinkillada, Grande Amore e Capital Voskov presentan o videoclip do seu novo sinxelo, “Derradeira canción”

O tema, estreado o pasado venres, xunta a tres das bandas máis recoñecibles da música galega.

A banda morracense Quinkillada estrea o videoclip do seu novo tema Derradeira Canción, en colaboración con Grande Amore e Capital Voskov. Tras o lanzamento o pasado venres do seu novo sinxelo, o grupo auto produce dende Marín o vídeo do mesmo, representando visualmente o concepto da canción, a lembranza e a nostalxia do vivido nunha relación, pero tamén a necesidade de ter que pasar páxina. Tanto na gravación do tema como do propio videoclip, a sintonía entre as tres agrupacións foi moi boa, o que facilitou enormemente o traballo en conxunto, optimizando o tempo ata o punto de gravar o audio no estudo pola mañá e pola tarde o videoclip.

Derradeira Canción naceu da naturalidade de ir coincidindo en concertos e das boas relacións xurdidas durante estes anos. Este novo tema, que combina sons indies e funkies con sons de electrónica con predominio dos sintetizadores, xunta varias referencias a algúns dos grupos máis destacados da música en galego actual, xogando coa temática do desamor, centrando a visión enpasar e pechar páxina nunha relación.

O tema destaca pola pretensión de Quinkillada de abrir horizontes e saír da súa zona de confort, explorando sons aos que a banda morracense non estaba acostumada. Para iso, mergulláronse nun proceso de escoita de moitas bandas, que abriron o camiño ás referencias que se poden escoitar na propia canción. Unha mostra de que a banda é capaz de saír das temáticas alegres e con alusións ao verán, para levar aos oíntes cara a nostalxia dos días chuviosos e fríos de inverno. Unha vez presentaron o tema ás dúas bandas o xunte foi instantáneo, poñéndose a traballar ao momento, e adaptando partes da canción aos estilos de Grande Amore e Capital Voskov, deixando ver o agarimo e agradecemento cara eles e os seus traballos.

MÁIS SOBRE QUINKILLADA

Transitando xéneros como a cumbia, o rock, o ska e os ritmos máis bailables, Quinkillada é o grupo que sintetiza a alma da festa galega. Combinando nas súas composicións tons festivos, populares e reivindicativos, a banda constrúe o seu legado a base de músicas enérxicas, auténticas e, sobre todo, bailables. Dende os torreiros das festas máis populares ás tarimas das salas e festivais máis importantes, Quinkillada é capaz de transformar calquera contexto nunha pista de baile.

Cunha carreira meteórica ás costas, a banda morracense xa conta con máis dun centenar de concertos no seu haber, levando o seu bo rollo a grandes festivais galegos como OurenSound, Festival de la Luz, Castañazo ou Armadiña Rock. A súa música chegou tamén ás grandes salas de concertos do estado, con actuacións nas míticas Razzmatazz de Barcelona ou Capitol de Santiago de Compostela.

Con xa tres discos publicados, acumulando centos de milleiros de reproducións en plataformas, a banda traballa en novos horizontes aos que levar a súa festa de guitarras, ventos e diversión. A verbena galega busca expandirse e chegar a todas partes envolta na súa música.

Comparte éste artículo
No hay comentarios