Punta Langosteira: cando a Administración normaliza o risco

Avogada, docente e activista

O Porto Exterior de Punta Langosteira exemplifica unha deriva cada vez máis preocupante no Dereito ambiental: a normalización administrativa do risco mediante resolucións formalmente correctas pero materialmente fráxiles. A Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable ao parque eólico industrial e a tramitación paralela da modificación substancial da concesión de Repsol non poden analizarse como feitos illados, senón como pezas dun mesmo modelo.

ZEPA a poucos metros: un límite que se relativiza

Un dos aspectos máis graves do expediente é a proximidade inmediata dos aeroxeradores á ZEPA mariña “Corredor migratorio galaico-cantábrico occidental”, integrada na Rede Natura 2000. As áreas de varrido das pás sitúanse a escasos metros do seu límite, nun espazo recoñecido como corredor migratorio e zona de alta concentración de aves mariñas.

A xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea é inequívoca. A sentenza C-127/02 (Waddenzee) establece que un proxecto só pode autorizarse cando non exista dúbida científica razoable sobre os seus efectos, e a sentenza C-323/17 (People Over Wind) prohibe xustificar autorizacións baseándose en medidas mitigadoras futuras.

En Punta Langosteira, porén, a lóxica invírtese: autorízase primeiro e confíase despois.

Impactos acumulativos: o que o Tribunal Supremo xa prohibiu

O Tribunal Supremo leva anos advertindo contra a fragmentación artificial de proxectos. A sentenza de 20 de abril de 2022 (rec. 67/2021) esixe unha análise conxunta e realista dos efectos acumulativos, especialmente en contornas intensamente transformadas. Na mesma liña, a sentenza do TS de 27 de xaneiro de 2021 anulou autorizacións ambientais por tratar como independentes infraestruturas que, na práctica, funcionaban como un único sistema de impacto.

Punta Langosteira é unha contorna xa saturada: porto exterior, tráfico de buques petroleiros, almacenamento de substancias perigosas, infraestruturas eléctricas, actividade industrial pesada e agora tamén aeroxeradores xigantes.

A esta acumulación de impactos cómpre engadir un precedente especialmente revelador: o Castro do Cociñadoiro (GA15005003). Trátase dun xacemento arqueolóxico catalogado que foi destruído durante as obras de construción do Porto Exterior, feito recoñecido expresamente na documentación ambiental recente, que o cualifica hoxe como “desaparecido”. O relevante desde o punto de vista xurídico non é só a perda patrimonial irreversible, senón o uso que se fai dela: a destrución previa convértese en argumento para descartar novas afeccións, en lugar de funcionar como alerta sobre os límites xa superados. Esta lóxica —primeiro eliminar, despois declarar o espazo degradado— é incompatible co deber de protección do patrimonio cultural e revela como a acumulación de proxectos en Punta Langosteira xa produciu danos irreparables sen unha resposta institucional proporcional.

O factor Seveso e a expansión industrial continua

A modificación da concesión de Repsol consolida un complexo industrial sometido á Directiva Seveso III (2012/18/UE), que obriga a integrar a prevención de accidentes graves na ordenación do

territorio e a avaliar os efectos dominó. O TJUE foi taxativo na sentenza C-53/10 (Land Hessen): non se poden autorizar novos usos no contorno de instalacións Seveso sen analizar expresamente o incremento do risco global.

Este risco vese agravado pola incorporación constante de novas actividades industriais. Así o evidencia o Anuncio do 31 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada e estudo de impacto ambiental dunha planta de valorización de residuos promovida por Euroash Recycling Corporation, localizada tamén en Punta Langosteira (expediente 2024- IPPC-I-165), publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 179, do 17 de setembro de 2025.

Trátase dun novo proxecto potencialmente contaminante que se suma aos anteriores sen avaliación ambiental estratéxica do conxunto do enclave.

Porto ou polígono industrial: unha cuestión xurídica, non semántica

Chegados a este punto, a pregunta é inevitable: é Punta Langosteira un enclave portuario ou un polígono industrial?

Xuridicamente, un porto está destinado ao servizo ao tráfico marítimo e á loxística portuaria, admitindo usos industriais só cando son funcionais e accesorios a esa finalidade. Cando, pola contra, se concentran instalacións Seveso, plantas IPPC, infraestruturas enerxéticas permanentes e actividades que non dependen do tráfico marítimo, o que existe de facto é un complexo industrial pesado.

E iso ten consecuencias legais claras: un polígono industrial esixe planificación previa, avaliación ambiental estratéxica, análise de riscos acumulativos e ordenación do territorio coherente. Nada diso se fixo aquí. O que se está a facer é empregar a etiqueta de “porto” para eludir as esixencias dun polígono industrial.

A degradación previa do espazo tampouco serve de escusa. A sentenza do TS de 18 de xuño de 2020 rexeita expresamente que a antropización xustifique novos impactos, lembrando que canto maior é a presión existente, maior debe ser o rigor da avaliación.

Un precedente perigoso

O que está en xogo non é só Punta Langosteira. É o precedente. Se se admite que a proximidade a unha ZEPA, a convivencia con instalacións Seveso e a acumulación de actividades industriais poden resolverse con condicións e promesas tecnolóxicas, o Dereito ambiental perde a súa función esencial: actuar como límite efectivo ao poder económico e administrativo.

A transición ecolóxica non pode construírse sobre a creación de zonas de sacrificio nin sobre a dilución sistemática do principio de precaución.

Cando a Administración deixa de ser garante e pasa a ser facilitadora do risco, non estamos ante unha cuestión técnica. Estamos ante unha deriva xurídica con consecuencias profundas.

Punta Langosteira non pode seguir sendo, ao mesmo tempo, porto e polígono industrial sen asumir as consecuencias legais de ningunha das dúas condicións. Se é un enclave portuario, boa parte dos usos autorizados exceden a súa finalidade e deben ser revisados. Se é un polígono industrial, entón falta todo o que a lei esixe: planificación, avaliación ambiental estratéxica, análise
de riscos acumulativos e ordenación do territorio. O que non é admisible é empregar a etiqueta de “porto” como coartada para concentrar instalacións perigosas, actividades IPPC e proxectos enerxéticos sen un marco global de control. Iso non é transición ecolóxica nin seguridade xurídica: é desnaturalización do uso do solo, fraude de planificación etransferencia deliberada do risco á cidadanía. E cando a Administración acepta esa lóxica, deixa de gobernar para limitar o dano e pasa a lexitimar o perigo. Ademais, cómpre non esquecer que lugares habitados como Suevos e Rañobre están moi próximos e quedan claramente dentro da área de poboación potencialmente afectada en escenarios de accidente industrial, segundo os criterios da Directiva Seveso III e da planificación de emerxencias exteriores.

Comparte éste artículo
No hay comentarios