O Baxi Ferrol derrota ao Ensino nun derbi intenso

2025 deixara para o remate da Liga F un apaixonante Baxi Ferrol-Ensino. O derbi galego foi un agasallo de Nadal, co cadro naval, mellor na competición europea que na nativa, e o representante da cidade amurallada, na súa terceira mellor campaña do século, só por detrás do feito na primeira volta da 2000/01 e da 2001/02, cando o equipo estaba vencellado ao Breogán.
O Baxi Ferrol gañou un encontro que se resolveu nos derradeiros minutos. O partido tivo alternativas e as locais, que pareceron estar máis lixeiras no momento decisivo, cunha rotación máis, celebraron o 71-67. O resultado mantenas na loita por entrar entre as oito primeiras a falta de dúas xornadas para rematar a primeira volta, que ten como premio a clasificación para a Copa.
Tamén foi o segundo triunfo en partido oficial das ferrolás sobre as luguesas nesta campaña, logo de facerse na pretemporada coa Copa Galiza. O Ensino, en calquera caso, segue acariñando estar no torneo a oito de Tarragona, malia perder na Malata.

Tres minutos de Šotolová melloran ao Baxi Ferrol

O partido comezou cun alto ritmo de xogo, alternativas no marcador e defensas individuais, que as locais chegaron a alternar con zona. Logo da primeira canastra de Flórez o Ensino non volveu a estar por diante até unha tripla de Hernández (7-9). A forte defensa das visitantes dáballe vantaxe nos rebotes, provocaba perdas nas locais, pero tamén as levaba a sumar tres faltas antes do ecuador do cuarto.
Alcanzou o bonus a 4:02 e o Baxi Ferrol non tardou en recuperar a vantaxe (12-11). A Joiner estáballe custando exercer de base e os últimos minutos do segmento foron para Šotolová. Blanca Millán, que era dúbida, sacou o primeiro dous máis un do partido ao provocarlle a falta a Garfella.
Ademais, comezaba a sentirse a forza de Melia. En tres ataques gañou dúas faltas que elevaban a sete as cometidas polo cadro lugués. Os seus acertos desde os libres puxeron a maior vantaxe das ferrolás (19-15). A irlandesa aínda provocaría outra de Van Shaik, completada con outros dous acertos.
O Baxi Ferrol xa reboteaba mellor, provocaba máis erros e podía correr para que Erjavec marcara o 23-15. Suso Garrido pediu tempo malia que faltaban 32 segundos para rematar o cuarto. Dous acertos en libres de Tate, unha perda de Blanca Millán e unha entrada de Haïdara deixaron o resultado en 23-19.

Garfella protagoniza a virada do Ensino

Daniels, cunha tripla, abriu o capítulo anotador do novo cuarto. Flórez continuou cos dous libres para as forasteiras. A nova zona do Baxi Ferrol non impediu a tripla de Flórez. O Ensino apertaba o partido cunha boa defensa e unha tripla de Fequière.
O Baxi Ferrol, sen chegar a perder a vantaxe, soportou a reacción luguesa. A dura defensa visitante supuxo o custo nas faltas. Melia era superior a Giomi e o Ensino, só un punto por abaixo, chegou ao bonus en menos de catro minutos. Unha tripla de Melia convertíaa na xogadora máis importante nesta fase do xogo.
Sen embargo, Tate, alén dos 6,75, volveu a xuntar guarismos. Uhha asistencia de Flórez a Garfella puxo arriba ao cadro de Lugo. Lino López parou o partido con 33-34 e a metade de cuarto por correr.
Garfella foi a solución de Garrido para parar a irlandesa, que perdeu valores ao apañar unha tampa e cometer unha falta en ataque sobre Flórez. Garfella non só defendía, unha tripla súa puxo o 33-36. Despois roubou un balón en defensa e abriu unha contra culminada por Haïdara. O Ensino gañaba a maior diferenza a 2:37 do remate do cuarto, cando Lino López volvía pedir tempo (33-38).
Non valeu, Garfella seguía cunha rendibilidade estelar. A de Manises sumou un dous máis un e, en defensa, provocou o erro no tiro de Daniels. Flórez subiu o marcador a dez cun minuto por diante (33-43).
O Baxi Ferrol reduciu con tres tiros libres nun momento no que Haïdara estableceu un duelo verbal con Daniels e Hernández recibiu unha técnica. O cuarto, como o anterior, fechouse cunha canastra da maliense.
As once perdas ferrolás, contra as dúas luguesas, explicaban parte dun partido que controlaba Flórez, con 17 de valoración e nove puntos. Só a local Melia, e a súa compañeira Tate, anotaran tanto como a leonesa.

Atasco lugués na zona ferrolá

O segundo tempo arrancou cun 4-0 para o Baxi Ferrol. Poucos puntos e moitos erros nos primeiros tres minutos axudaron ás locais a achegarse o marcador. Joiner espertou cunha tripla a 6:32 e Garrido quixo reconducir o partido cun minuto de reflexión (45-47). A zona do Baxi Ferrol e outra tripla de Joiner mudaron o dominio no electrónico (48-47). Tate parou a desfeita desde alén dos 6,75, aínda que Daniels respondeu axiña con idéntica receita.
O Ensino non atopaba o aro e Melia cargou a Garfella coa terceira falta. A pivote visitante volveu a relevar a unha apagada Giomi. A valenciana e Haïdara déronlle folgos ao Ensino para seguir mandando. Outra que marchaba do partido mental, e fisicamente, era Joiner. Tres faltas no cuarto e unha bandexa sinxela errada, continuada coa sexta falta do equipo, facían que Sánchez-Ramos entrara ao rescate, como Blanca Millán, que igualou o encontro cunha tripla a 54.
O Ensino apuraba os ataques até resolver na pintura, onde saltaban chispas. O cuarto rematou cunha maioría de non titulares pelexando cada pelota entre cada erro. Os últimos segundos foron de ataque lugués grazas a que Fequière se aferrou a un balón baixo o aro local. Perderon o ataque ao gastar os dous de posesión que lles faltaba por consumir. Logo, Šotolová errou unha entrada moi forzada. O 54-54 deixaba aberto o derradeiro cuarto.

Baxi Ferrol tensa o partido e Flórez non pode manter a Ensino

Šotolová rompeu a zona visitante no primeiro ataque e Rodríguez á contra, repetiu o comezo do anterior cuarto cun 4-0. Garrido fixo descansar a Flórez ante os problemas de Ensino en ataque. As forasteiras non acertaron nos tres primeiros minutos do cuarto. Fíxoo Haïdara, que aproveitou os libres da cuarta falta de Danels. A maliense volveu a empatar o encontro a 58.
Unha entrada de Tate adiantou ao Ensino, pero Joiner anotou de tres no seguinte ataque. Un golpe de Tate a Daniels parou o partido e Lino López puxo na pista a Melia para xogar coas dúas altas. A continuación, Blanca Millán atinou de tres (64-60).
Tate reduciu de dous tras o tempo de Suso Garrido. Unha entrada de Joiner, con falta de Flórez, marcou o bonus visitante a 2:10.
As présas encheron de imprecisión os últimos minutos de partido. Pases comprometidos que non chegaban a destino e entradas precipitadas parecían axudar a Baxi Ferrol, que a 1:24 gañaba 66-62 e tiña posesión. Joiner ampliou a seis a 1:01. Foi logo dun ataque racional, no que era tan importante anotar como gastar o tempo.
Suso Garrido volveu pedir un minuto. Tate mandou a Joiner ao banco por cinco faltas e anotou tres tiros libres. Erjavec respondeu cunha bandexa, pero a ex universitaria.
Fequière tamén anotou de tres.
Blanca Millán tivo a vitoria a 12 segundos con dous tiros libres, Atinou o segundo e o erro final na tripla de Tate foi testemuñal. O Baxi Ferrol gañaba o segundo partido oficial da temporada ao Ensino e mantén opción de entrar na Copa, algo que case ten asegurado o cadro lugués malia a derrota.

Ficha

DOMINGO 28/12/2025 (13,00) Pavillón: A MALATA (2.467)
BAXI FERROL : 71 – ENSINO : 67 (23-19) (36-43) (54-54)
BAX : Joiner (17), Erjavec (13), Samson (1), Daniels (11), Melia (11) – cinco inicial – Sánchez-Ramos (0), Šotolová (4), Blanca Millán (12), Rodríguez (2), Joris (0). Tre. Lino López. Non xogaron:Baldonedo.
ENS : Flórez (11), Tate (19), Hernández (3), Haïdara (14), Giomi (6) – cinco inicial – Van Shaik (0), Garfella (9), Fequière (5), Orsili (0). Tre. Suso Garrido. Non xogaron: Lopez, Bosch.
Árbitros: De Lucas de Lucas (Castela-A Mancha), Martínez Prada (Asturias), Seijo Vázquez (Galiza).
Eliminadas: Joiner (68-62) 40’.

Foto: Melia superou a unha desaparecido Giomi. (c) 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios