O PSdeG garante o futuro da Deputación de Lugo: «As políticas progresistas non se deteñen»

O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo puxo en valor este martes, no marco do pleno da Deputación de Lugo, a importancia de dar continuidade ás políticas progresistas que se están a desenvolver na institución provincial, así como a actuación “contundente, áxil e rápida” do partido ante os acontecementos das últimas semanas.

Así o manifestou a deputada socialista Pilar García Porto nas declaracións realizadas antes da sesión plenaria, nas que subliñou que o pleno de hoxe aborda “dous asuntos importantes que se aproban definitivamente para esta provincia”, en referencia ao orzamento da Deputación e ás bases do Plan Deputación.

García Porto lembrou que o orzamento provincial é “un instrumento económico fundamental non só para a institución, senón tamén para a totalidade dos concellos da provincia”, ao tempo que destacou o papel clave do Plan Deputación para o municipalismo. Segundo explicou, este plan permite que os concellos poidan executar investimentos esenciais e distribúe máis de 22 millóns euros con criterios obxectivos entre todos os municipios da provincia de Lugo.

Desde o PSdeG provincial salientan que a aprobación destes instrumentos reafirma a necesidade de seguir cun modelo de goberno progresista na Deputación, que sitúa o municipalismo, a cohesión territorial e os servizos públicos como eixos centrais da acción institucional.

En relación coa moción presentada polo Partido Popular, García Porto afirmou que “nos últimos días non houbo ningunha novidade ao respecto” e lembrou que desde o PSdeG “fíxose todo canto estaba nas nosas mans desde o primeiro momento”.

Desde o PSdeG explican que o partido tivo coñecemento formal da existencia dunha denuncia a través dunha comunicación da dirección federal, recibida ao día seguinte da emisión dun programa de televisión no que se fixo público o caso. A partir dese momento, e unha vez coñecida oficialmente esa comunicación, desde a dirección do PSdeG actuouse con contundencia, axilidade e rapidez, activando os procedementos correspondentes. O presidente saínte da Deputación abandonou os seus cargos orgánicos e deixou a secretaría xeral do partido, iniciándose un proceso que permitiu manter a actividade orgánica e institucional con total normalidade.

Neste contexto, García Porto subliñou que “en poucos días presentouse unha candidatura para unha Comisión Xestora, que está funcionando con total normalidade, do mesmo xeito que todos os órganos do partido e as agrupacións da provincia, que están totalmente atendidas”.

Desde o PSdeG-PSOE de Lugo subliñan que a actuación do partido ante estes feitos foi inmediata e contundente, adoptando as decisións necesarias desde o primeiro momento para garantir a estabilidade orgánica e institucional e a continuidade do traballo político na provincia. Así mesmo, o partido reafirma que a súa prioridade é asegurar o correcto funcionamento da Deputación e a defensa dun proxecto progresista ao servizo da cidadanía lucense.

Comparte éste artículo
No hay comentarios