O proxecto de central hidroeléctrica de bombeo reversible de Meirama non é un erro técnico nin unha discrepancia interpretativa. É algo moito máis grave: un caso paradigmático de degradación ambiental autorizada a pesar de saber que é ilegal.
- A balsa superior e a afección ao Monte Xalo: unha localización xuridicamente inaceptable
- Unha balsa ilegal sobre unha cabeceira fluvial inventariada
- O principio de non deterioración: unha obriga, non unha recomendación
- Humidais: negar a evidencia para acelerar a destrución
- Rede Natura 2000: a coherencia ecolóxica non remata no mapa
- Unha gran presa sen estudos de seguridade
- Non é transición ecolóxica: é regresión ambiental
A Resolución pola que se autoriza a modificación das características da concesión outorgada no lago de Meirama, concello de Cerceda, A Coruña, con destino a almacenamento hidráulico de enerxía (Exp. AC/11/177), non só vulnera a normativa ambiental: prescinde deliberadamente dela, ignora informes técnicos propios e sitúase frontalmente contra a xurisprudencia consolidada do Tribunal Supremo, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
A balsa superior e a afección ao Monte Xalo: unha localización xuridicamente inaceptable
Un dos aspectos máis graves da modificación da concesión autorizada por Augas de Galicia é a localización da balsa superior na contorna directa do Monte Xalo, espazo de alto valor ambiental, hidrolóxico e territorial, integrado ademais na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e en conexión funcional coa Rede Natura 2000.
A propia Resolución recoñece que a modificación solicitada por Coventina Renovables implica o redimensionamento do depósito superior e o incremento da súa capacidade de almacenamento, desprazando a súa localización respecto do proxecto inicialmente autorizado
Esta decisión supón unha ocupación directa dun ámbito de cabeceira, caracterizado por solos de alta permeabilidade, presenza de nacentes, humidais funcionais e cursos fluviais que alimentan a cunca do Barcés.
Desde o punto de vista xurídico, esta localización entra en colisión directa co réxime de protección reforzada das cabeceiras fluviais establecido no Texto Refundido da Lei de Augas (arts. 2, 14 bis e 92 bis), no Regulamento do Dominio Público Hidráulico (arts. 4, 6 e 126 ter) e na Lei 9/2010, de augas de Galicia (arts. 7, 17 e 28), que obrigan a preservar a continuidade hidromorfolóxica, os procesos de infiltración e a funcionalidade hidrolóxica destes espazos.
O Monte Xalo non é un espazo degradado nin artificializado, senón un elemento estruturante da cabeceira da cunca, polo que a implantación dunha infraestrutura hidráulica industrial —que require grandes movementos de terra, impermeabilización do solo e a construción dun dique de ata 37 metros— supón unha alteración estrutural e irreversible do funcionamento hidrolóxico natural.
A xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ten reiterado que as cabeceiras fluviais gozan dun réxime de protección reforzada fronte a actuacións que comprometan a súa funcionalidade ecolóxica, sendo especialmente restritiva a autorización de grandes infraestruturas nestes ámbitos. Do mesmo xeito, o Tribunal Supremo ten establecido que cando existen alternativas menos lesivas, a elección da máis impactante vulnera o principio de prevención ambiental.
Resulta especialmente relevante que a propia Resolución condicione a plena eficacia da autorización á posterior avaliación de impacto ambiental, recoñecendo implicitamente que non se dispón, no momento de autorizar a modificación concesional, dunha análise completa dos impactos derivados da balsa superior sobre o Monte Xalo. Este enfoque é xuridicamente problemático, xa que a normativa ambiental —Lei 21/2013 e artigo 191 do TFUE— esixe que a avaliación sexa previa, suficiente e baseada na certeza científica, non diferida a fases posteriores cando os elementos esenciais do proxecto xa foron avalados.
En definitiva, a localización da balsa superior no Monte Xalo non é só ambientalmente cuestionable: é xuridicamente incompatible co marco normativo de protección das cabeceiras fluviais, dos humidais e da coherencia ecolóxica da Rede Natura 2000, converténdose nun dos puntos máis débiles —e máis difíciles de defender— da resolución administrativa.
Unha balsa ilegal sobre unha cabeceira fluvial inventariada
O elemento central da ilegalidade é xuridicamente sinxelo. A balsa superior proxectada localízase sobre a cabeceira do rego Biduído, curso fluvial inventariado oficialmente por Augas de Galicia. Mentres ese cauce figure no inventario, forma parte do dominio público hidráulico, conforme aos artigos 2 do Texto Refundido da Lei de Augas (RDL 1/2001) e 4 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico (RD 849/1986).
O núcleo do problema é claro e documentado: a balsa superior do proxecto pretende implantarse sobre a cabeceira dun curso fluvial inventariado, o rego Biduído. Existen informes do Servizo de Gardería Fluvial e do Enxeñeiro Xefe da Demarcación Hidrográfica Galicia Norte que recomendan eliminar ese tramo do inventario de cauces, pero non existe ningunha resolución administrativa expresa que o faga.
Editado por última vez hace 2 horas.
E isto non é unha cuestión menor: mentres un cauce figure no inventario oficial, é dominio público hidráulico. Sen resolución expresa que modifique ese inventario, autorizar a súa destrución é xuridicamente imposible. Así o establecen o Texto Refundido da Lei de Augas, o Regulamento do Dominio Público Hidráulico e a Lei de Augas de Galicia
A xurisprudencia é contundente: a inexistencia dun trámite esencial ou dunha resolución previa legalmente esixible determina a nulidade de pleno dereito do acto administrativo. Non anulable: nulo.
A Lei 39/2015 é clara: segundo o seu artigo 47.1.e), son nulos de pleno dereito os actos administrativos que se diten prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente establecido. A Sentenza do Tribunal Supremo do 21 de xullo de 2021 confirma que a ausencia dunha resolución previa esixida pola norma invalida todo o procedemento posterior.
O principio de non deterioración: unha obriga, non unha recomendación
A Directiva Marco da Auga non deixa marxe á interpretación política. O seu artigo 4 establece a prohibición absoluta de deteriorar o estado das masas de auga, mesmo cando o deterioro sexa localizado. O Tribunal Supremo deixou isto claro en múltiples sentenzas: non se pode autorizar nada que degrade unha masa de auga, nin sequera parcialmente.
E aquí falamos da cabeceira do sistema Mero–Barcés, un sistema estratéxico para o abastecemento de auga potable da área metropolitana da Coruña. O artigo 60 da Lei de Augas é taxativo: o abastecemento humano ten prioridade absoluta sobre calquera outro uso. Non “preferente”, non “importante”: absoluta
Autorizar unha infraestrutura industrial que introduce riscos cualificados de deterioración neste sistema é unha vulneración directa da lei.
Humidais: negar a evidencia para acelerar a destrución
A situación acada niveis preocupantes cando se analiza a cuestión dos humidais. Augas de Galicia delimitou provisionalmente a zona afectada como posible zona húmida con relevancia para o ciclo hidrolóxico e, de feito, encargou en 2025 un estudo oficial para a súa identificación e caracterización.
A pesar diso, a autorización baséase exclusivamente en dous informes de parte achegados polo promotor, que negan a existencia do humidal. Isto supón unha inversión inaceptable da lóxica administrativa: os informes vinculantes da propia Administración son substituídos por informes privados interesados
A xurisprudencia do TSXG é clara: a ausencia de catalogación formal non exime do deber de protección cando existen indicios da funcionalidade hidrolóxica dun humidal. E máis aínda: cando existen dúbidas razoables, debe aplicarse o principio de precaución, non acelerar a autorización.
Rede Natura 2000: a coherencia ecolóxica non remata no mapa
A cabeceira do Barcés mantén unha conexión hidrolóxica directa coa ZEC Encoro de Abegondo– Cecebre. A Directiva Hábitats obriga a preservar a coherencia ecolóxica da Rede Natura 2000, mesmo fóra dos seus límites cartográficos formais.
O Tribunal de Xustiza da UE foi taxativo nos casos Waddenzee e Sweetman: se existen dúbidas científicas razoables sobre a afección á integridade dun espazo protexido, a autorización debe denegarse. Aquí non só hai dúbidas: hai informes que recoñecen impactos significativos
Unha gran presa sen estudos de seguridade
A balsa superior, cun dique de ata 37 metros, debe ser considerada legalmente unha gran presa. O Real Decreto 264/2021 esixe estudos de estabilidade, análises de risco e plans de emerxencia que non figuran no anteproxecto autorizado.
Isto introduce un risco inasumible para as poboacións augas abaixo e para o propio encoro de Abegondo–Cecebre. Autorizar unha infraestrutura destas características sen cumprir a normativa básica de seguridade é unha irresponsabilidade administrativa de enorme gravidade
Non é transición ecolóxica: é regresión ambiental
Este proxecto non é un exemplo de transición enerxética. É un exemplo de regresión ambiental, prohibida polo dereito europeo e pola xurisprudencia. Destrúe cabeceiras fluviais, elimina humidais, fragmenta a Rede Natura, pon en risco o abastecemento humano e ignora principios básicos como a prevención e a precaución.
A conclusión xurídica é inequívoca: a resolución que autoriza a modificación da concesión é nula de pleno dereito. E a conclusión política tamén debería selo: non todo vale en nome das renovables.
Se a Administración persevera neste camiño, non estará defendendo o interese xeral. Estará defendendo un proxecto privado a costa do patrimonio hídrico, ambiental e social de Galicia. E iso, ademais de ilegal, é profundamente irresponsable.
Fotografía Brañas do Torreiro