O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apelou á prudencia e á responsabilidade tras coñecer a situación que se está a vivir nas últimas horas en Venezuela.
Neste sentido, subliñou que “o que nos chega de Venezuela é moi grave e obriga a ser especialmente prudentes” e insistiu en que o máis urxente neste momento é evitar unha escalada da crise e garantir a seguridade de todas as persoas, tamén da colonia española no país.
Desde o PSdeG deféndese que a única saída posible pasa polo diálogo e por unha solución pacífica e democrática, sen imposicións externas e no marco do dereito internacional, co acompañamento multilateral necesario para facilitar unha saída estable.
O líder socialista insistiu en que non é momento de declaracións partidistas, senón de actuar con serenidade e responsabilidade para contribuír a unha solución que responda ás necesidades do pobo venezolano.