O Pontevedra igualou ao Racing na táboa logo de derrotalo por 2-1 en Pasarón. 2026 comeza para granates e verdes como rematou 2025. Os da Boa Vila á alza, os da cidade naval, malia facer un bo partido, coa segunda derrota consecutiva e sen deixar unha sensación de poder.
O partido definiuse en tres saques de esquina. Vidorreta fixo que o Pontevedra chegara gañando ao descanso. Despois, João Resende fixo o mesmo, pero para o remate do xogo, logo que Zalaya igualara e axudara ao Racing a dominar un partido que non lle foi mellor porque precisa facer demasiadas ocasións ante os rivais da parte alta.
O Pontevedra impón a lei nas áreas
O Racing comezou mandando no partido. As súas circulacións e tentativas de entrar por ambas bandas obrigaron a recuar a un Pontevedra pouco coñecido, con Alain de central, Montoro no centro e Miguel Cuesta cunha permuta cada vez máis frecuente con Álex González.
Un par de centros ben defendidos pola zaga local foi o principal produto verde en ataque. O partido mudou a partir do minuto doce, cando a defensa racinguista rexeitou un disparo de Luisao. Os granates gastaron o seu primeiro cartón azul na continuación da xogada por unha entrada na área de Azael a Vidorreta. O árbitro non asubiou penalti.
Pouco despois, no segundo córner a prol dos locais, Yelko puxo o coiro no corazón da área e Alain, subindo por riba de todos, picou na rede o 1-0. Sexto gol na competición, mostrando que tampouco lle afecta a mudanza a unha posición radicalmente diferente.
O Pontevedra volveu a repregar posicións. Co marcador favorable era moito máis sinxelo deixar que o Racing expuxera, adaptarse a roubar unha indecisión e saír á contra. Así foi no 27. O captura no círculo central chegou a Compa, que non demorou en prolongar para a carreira de Luisao. O ex fabrilista pisou área e xutou desviado.
O partido volveuse lento. Algunha acción racinguista pola dereita, con Leal e Álvaro Juan de protagonistas de xogadas sen remate, un xute alto de Gorostidi, que continúa sen atopar os paus e, por parte granate, tamén pola dereita, a ocasión de Luisao, perdida no terceiro intento de drible. O mellor nesta fase foi un pase de Dacosta a Azael, no seu retorno a Pasarón, que o lugués disparou para que Marqueta chapara. Respondeu Miguel Cuesta, a pase de Luisao. O extremo reciclado a lateral mandou o esférico por riba do marco de Parera.
Na última xogada do primeiro tempo, na única contra visitante, Álvaro Juan agasallou a Álvaro cun centro para o remate picado, pero Marqueta, con reflexos, salvou o empate,
A lei do máis listo
O Racing entrou cunha actitude máis agresiva ao partido, aproveitando que o Pontevedra seguía concedéndolle a pelota. Os efectos sentíronse axiña. Aos 54 minutos, logo dun saque de esquina, o coiro caeu nos pés de Zalaya, que asegurou o xute polo centro para subir o empate.
O gol non mudou as formas. Antes da hora, Azael que tamén gozaba da primeira titularidade na liga, agarrou da camisola a Miguel Cuesta para evitar a primeira contra local do segundo acto.
Pouco despois, o mediocampista ofensivo montou un ataque rápido para o Racing, Álvaro Juan foi perdendo verticalidade logo de recibir o pase, e Álvaro, que recolleu o xute desviado no segundo pau, tampouco acertou.
No minuto 64, unha acción persoal pola dereita de Compa, permitiulle encontrar liña de tiro cunha finta sobre o seu marcador, Parera meteu as luvas e desviou antes que a zaga sacara a pelota da área.
Pascu, que acababa de entrar, estivo a piques de pórlle nome á virada. Marqueta tapou ben a volea curta no segundo pau, e aínda aguantou os reflexos para sacar a segunda opción do racinguista. Co partido controlado na posesión, Pablo López procurou filtradores e rompedores en tres cuartos. Azael e Jairo compartiron o verde para esta finalidade.
Sen embargo, o Pontevedra sacou o máximo beneficio dun saque de esquina illado. Era o minuto 81. A defensa sacou en curto o lanzamento de Yelko desde o recanto e João Resende tivo tempo para colocar o coiro dentro da meta visitante ao recoller a pelota só, dentro da área e centrado.
No prolongamento, Parera salvou un man a man ante Compa e rexeitou un xute de Miguel Cuesta.
O Pontevedra, sabendo sufrir e aproveitando os seus escasos recursos para o partido, suma 30 puntos, os mesmos que un Racing que, agás no partido do Di Stéfano, non é capaz de competir e sacar bos resultados contra os conxuntos da parte alta.
Demasiados goles a un meta, que é dos mellores deste século nos planteis verdes, e poucas dianas importantes de homes dos que se esperaba moito máis. Ao mellor, máis que en Pablo López, que non parece ter plan B, tamén hai que botar o ollo un pouco máis arriba, en quen confeccionou o grupo.
Ficha
SÁBADO 03/01/2026 (16,30) Campo: PASARÓN (8.500)
PONTEVEDRA C.F. : 2 – RACING C. FERROL : 1 (1‑0)
PNT : Marqueta; Vidorreta, Miki Bosch, Alain (Expósito 89’), Miguel Cuesta; Tiago, Montoro, Yelko; Luisao (Garay 64’), Compa, Álex González (João Resende D). Tre. Rubén Domínguez. (Banco: Edu (g); Marqués; Canosa; Iker Escudero; Oute; Abelenda).
RAC : Parera; Leal, Edgar (Saúl 88’), Zalaya, Álvaro Ramón; Gelardo, Gorostidi (Jairo 72’), Azael; Álvaro Juan (Pascu 72’), Álvaro (Escobar 77’), Dacosta (Concha 77’). Tre. Pablo López. (Banco: César (g); Lucas (g); Mardones; Chema; David).
Goles: 1-0 Alain 17’; 1-1 Zalaya 54’; 2-1 João Resende 81’.
Árbitro: Crespo Puente (Cantabria). Auxiliares: Campelo Núñez e Álvarez Borbolla. 4º árb.: López Vila.
Disciplina: CA: Leal 21’; Compa 40’; Azael 59’.
Foto: Vidorreta rexeitando un centro. © 21noticias.com