A maxia dos Reis Magos enche Noia nunha recepción histórica para nenos e nenas TEA

O Salón de Plenos do Concello de Noia acolleu unha recepción adaptada para nenos e nenas TEA que se converteu na máis multitudinaria e exitosa das celebradas ata o momento pola organización, sen que se recorde outra igual en edicións anteriores.

A xornada comezou coa recepción oficial do alcalde de Noia, Francisco Pérez, ás Súas Maxestades os Reis Magos, dando paso a unha mañá chea de ilusión, emoción e momentos inesquecibles para as familias asistentes. Esta recepción serviu ademais como antesala dunha gran Cabalgata de Reis que terá lugar pola tarde, e que sairá ás 17:00h da Barquiña. Esta cabalgata tamén terá un tramo sen ruído para que os nenos e nenas TEA poidan desfrutala.

Máis de 160 nenos e nenas participaron nesta recepción adaptada, na que cada un deles recibiu unagasallo e chucherías, nun ambiente tranquilo, acolledor e pensado para que puidesen gozar da maxia dos Reis Magos sen ruídos nin présas.

O encontro estivo organizado polo Concello de Noia en colaboración coa asociación Barbantea e Alquinoia. Ademais, as familias puideron desfrutar dun chocolate con churros, cedidos pola cafetería Equs, que puxo o broche doce á mañá.

O concelleiro de eventos, Abel Pan, destacou a importancia deste tipo de iniciativas, sinalando que“estamos encantados de poder organizar unhas celebracións inclusivas, nas que todos os nenos e nenas poidan vivir a ilusión destas datas en igualdade de condicións”.

Desde a organización valoran moi positivamente o desenvolvemento da xornada, subliñando a elevada participación e a boa acollida por parte das familias, consolidando esta recepción como unha cita cada vez máis especial dentro das celebracións do Nadal en Noia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios