Pablo López deixa de ser o técnico do Racing. A derrota en Pontevedra foi a gota que superou a paciencia dun Consello de Administración, que asina o terceiro finiquito desde a súa chegada, logo que antes foran Emilio Larraz, Cristóbal Parralo.
Era unha morte anunciada desde hai varias xornadas, nas que o equipo, incluso gañando, non deixaba boas sensacións. Coa marcha do técnico coruñés remata practicamente o último vestixio da era Carlos Mouriz na casa racinguista, en canto que na pretemporada xa se falara, mesmo estando o lugués fóra do club, que era a súa primeira opción.
De feito, cando Cristóbal Parralo iniciou a súa costa abaixo no comezo da temporada 2024/25, querendo prescindir de López como analista, Carlos Mouriz mantívoo no club até que recibiu a proposta de Ourense C.F. para salvar ao cadro da cidade das Burgas.
Pablo López, sen ser explicitado polo Consello de Administración de xeito público, como acostuma a ser no fútbol, deixa o club, máis pola imaxe que polos números.
O Racing, aínda en postos de fase de ascenso, rematou 2025 perdendo en Avilés e comezou 2026 facendo o mesmo en Pontevedra. Desde hai varias xornadas unha parte sonora da bancada pedía a súa saída.
Precisando máis na estatística, o certo é que o equipo non compite ben, como pode deducirse de que só foi capaz de derrotar a un rival dos que están entre os cinco que dominan a táboa (o Racing é quinto). Perdeu co Tenerife na Malata, e contra o Celta Fortuna e Pontevedra en Vigo e na Boa Vila. Só gañou ao R. Madrid Castilla en Valdebebas.
Se ampliamos a visión dos datos contra os doce primeiros, excluindo ao Athletic B fronte ao que xoga o sábado, a sensación de equipo mal competidor enténdese desde que só foi quen de gañar ao segundo equipo merengue e ao Zamora, este na Malata.
Outros dous factores obxectivos que cuestionan o nivel competitivo do equipo é que xa recibiu tres viradas. A de Lugo, xustificada por unha criticable actuación arbitral, e logo as de Baracaldo e Avilés. Un dato coma este, cando non vai media liga, fala mal do nivel de consistencia dun equipo que aspira ao ascenso.
O segundo factor apunta á fraxilidade defensiva. En só cinco xornadas foi quen de rematar o encontro sen que Parera, un dos mellores metas da categoría, marchara aos vestiarios sen recibir goles.
Foto: Pablo López dirixindo por última vez ao Racing en Pasarón. © 21noticias.com