A Xunta apoia o sector artístico en Lugo: A galería Néboa ultima a súa nova mostra antes de participar na feira Investec de Ciudad del Cabo

A Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa dinamización do mercado da arte a través de diversas liñas de axuda destinadas á actividade expositiva e á internacionalización das salas galegas. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitaron hoxe a galería lucense Néboa, exemplo da proxección que están a acadar os espazos culturais da provincia grazas ao respaldo autonómico.

O encontro serviu para destacar o importante salto internacional de Néboa, que do 20 ao 22 de febreiro participará na prestixiosa feira Investec de Ciudad del Cabo (Sudáfrica). A sala lucense, dirixida por Alba López, presentará un proxecto inédito da artista boirense Andrea Davila na sección Tomorrows/Today, dedicada en exclusiva a talentos emerxentes. Esta participación súmase á presenza da galería en citas nacionais como ArteSantander e Swab Barcelona, tamén apoiadas pola Consellería de Cultura.

A visita coincidiu cos preparativos da mostra «Como atraer la luz y dejarla dentro», do artista Pablo Quesada en colaboración co colectivo ConTRol. A exposición abrirá as súas portas mañá sábado ás 12:00 horas, froito do convenio anual entre a Xunta e a Asociación de Galerías de Arte de Galicia (Contemporánea), que en 2025 permitiu a Néboa exhibir a obra de seis artistas galegos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios