Cando a técnica non tranquiliza: as alertas do biometano na Limia

Unha instalación IPPC de case 19 hectáreas proxectada sobre chans aluviais e acuíferos sensibles, sen garantías reais para a Limia

A planta de biometano proxectada en Xunqueira de Ambía preséntase como unha aposta pola economía circular e pola transición enerxética. Porén, unha lectura atenta do Estudo de Impacto Ambiental, da Memoria Técnica e da Autorización Ambiental Integrada revela xusto o contrario: unha instalación industrial de gran escala, sustentada en erros técnicos e lagoas xurídicas que afectan ao núcleo do proxecto, especialmente á protección da auga.

Non se trata dunha polémica veciñal nin dunha interpretación interesada. Son os propios documentos do promotor os que describen unha infraestrutura afastada da idea dunha pequena iniciativa adaptada ao territorio. A Memoria Técnica recoñece que a planta tratará residuos orgánicos agrícolas, gandeiros e industriais mediante dixestión anaerobia, para producir biometano, fertilizantes e valorizar o efluente líquido como auga de rega, ocupando unha superficie de 186.824 metros cadrados, resultado da agregación de oito parcelas catastrais. Trátase, ademais, dunha actividade sometida ao réxime de prevención e control integrados da contaminación (IPPC), equiparábel a outras instalacións industriais pesadas.

Cómpre lembrar que a planta de biometano proxectada en Xunqueira de Ambía está cualificada como instalación IPPC (Prevención e Control Integrados da Contaminación). Esta categoría non é retórica: deriva da Directiva 2010/75/UE, de emisións industriais, e da súa transposición ao dereito estatal, e resérvase a actividades con potencial impacto ambiental relevante sobre a auga, o solo ou o aire. A normativa obriga a aplicar as Mellores Técnicas Dispoñíbeis, a avaliar escenarios de funcionamento anormal e accidentes, e a garantir unha xestión plenamente definida dos residuos e subprodutos antes da autorización. Nunha instalación IPPC, as avaliacións incompletas, as condicións diferidas ou as hipóteses futuras non cumpren o estándar legal esixido, o que converte calquera erro na Memoria Técnica ou na Autorización Ambiental Integrada nun problema con consecuencias xurídicas directas.

Un emprazamento que multiplica o risco

A Memoria Técnica sinala expresamente que a parcela se sitúa sobre chans de natureza aluvial, cunha altitude media de 620 metros e elevada permeabilidade. Estas condicións incrementan de forma obxectiva o risco de contaminación das augas subterráneas en caso de verteduras, fugas ou mala xestión dos subprodutos.

Non se trata dunha valoración subxectiva. A Directiva Marco da Auga prohibe calquera deterioración adicional das masas de auga e a xurisprudencia do Tribunal Supremo estableceu que, cando existe risco para acuíferos estratéxicos, a Administración debe aplicar o principio de precaución de maneira reforzada. Aquí, porén, o risco recoñécese e minimízase ao mesmo tempo, sen incorporar un estudo hidroxeolóxico específico nin analizar escenarios realistas de fallo.

Cheiros, ventos e afirmacións incompatíbeis

A propia Memoria Técnica describe a rosa dos ventos da zona e admite un predominio claro das correntes no eixo norte–sur, coincidindo coa orientación dos principais núcleos habitados e terras agrícolas. A pesar diso, o proxecto afirma literalmente que a planta foi deseñada garantindo a “ausencia absoluta de malos cheiros”.

Esta afirmación contradí o propio Estudo de Impacto Ambiental, que recoñece afeccións odoríferas significativas no entorno. A xurisprudencia é clara: os cheiros persistentes son unha inmisión contaminante, non unha molestia menor. Confiar a protección da poboación a medidas correctoras posteriores non cumpre co deber de dilixencia esixido á Administración.

Dixestato e auga: o punto máis delicado

Un dos aspectos máis sensibles do proxecto aparece formulado con aparente normalidade na Memoria Técnica: a fracción líquida do dixestato, unha vez sometida a un proceso de depuración, poderá utilizarse como auga de rega ou como fertilizante líquido. Esta formulación concentra boa parte do risco ambiental da planta.

A documentación non identifica parcelas receptoras, nin achega balances detallados de nitróxeno e fósforo, nin analiza a viabilidade desta práctica nunha comarca como a Limia, amplamente documentada pola contaminación por nitratos e en proceso de ampliación das zonas vulnerábeis. A Directiva de Nitratos obriga a previr a contaminación difusa antes de que se produza, non a reaccionar cando xa é irreversible.

O Tribunal Supremo ten reiterado que non é legal autorizar instalacións baseadas en usos agrarios futuros “previa autorización” cando eses usos constitúen a clave da viabilidade ambiental do proxecto. Se falla a xestión do dixestato, falla todo o modelo.

Tráfico pesado e impactos acumulativos invisibilizados

A Memoria Técnica describe con detalle os accesos viarios e a conexión coa A-52 e a N-525, asumindo unha loxística constante de entrada de residuos e saída de subprodutos. Porén, non existe unha análise real do impacto acumulativo deste tráfico nun territorio xa saturado por outras actividades agroindustriais.

A Lei de avaliación ambiental obriga a avaliar os efectos conxuntos e sinérxicos. Minimizar cada impacto por separado é unha maneira eficaz de non avaliar o impacto real do conxunto.

Un proxecto fragmentado e incompleto

A avaliación ambiental trata como elementos independentes a planta, o gasoduto, a liña eléctrica e os accesos viarios. Esta fragmentación impide avaliar o impacto real do proxecto na súa totalidade. O Tribunal Supremo foi claro: dividir un proxecto para reducir artificialmente os impactos supón unha fraude de lei.

A isto engádese a ausencia dunha análise rigorosa de accidentes graves, a subestimación do risco asociado ás augas pluviais contaminadas e a falta de adaptación a un contexto climático cambiante, en contra das obrigas legais vixentes.

Economía circular como retórica

A Memoria Técnica invoca de forma reiterada a economía circular como xustificación do proxecto, mais non demostra un peche real de ciclos. A produción masiva de dixestato sen destino garantido e a dependencia de solos xa saturados contradín o propio concepto. A economía circular non é unha exención legal.

Moita técnica, pouca certeza

Resulta chamativo que a documentación cite exhaustivamente directivas, reais decretos e normas técnicas mentres deixa sen resposta cuestións fundamentais: onde irá o dixestato, que garantías existen para as augas subterráneas ou que acontecerá se cambian as condicións legais durante os máis de vinte anos de vida útil da planta.

A xurisprudencia é constante: citar normativa non equivale a cumprila. A avaliación ambiental non pode servir para lexitimar decisións tomadas de antemán nin para diferir os problemas a autorizacións futuras.

A estas carencias engádese unha batería de deficiencias graves con relevancia legal directa. O proxecto pretende implantarse en solo rústico de especial protección forestal e agrícola, recoñecendo implicitamente a súa urbanización, algo expresamente prohibido polo artigo 35.1.m da Lei do Solo de Galicia. A localización é, ademais, lindeira coa ZEPA da Limia, integramente incluída na IBA A Limia, situada sobre a masa de auga subterránea de Xinzo de Limia e con risco de inundación, o que activa de forma directa as obrigas da Directiva Hábitats, da Directiva Aves e da Directiva Marco da Auga, todas elas baseadas no principio de precaución do artigo 191 do TFUE. Lonxe de extremar o rigor, a documentación incurre en erros materiais propios dun uso acrítico de información doutros proxectos, identifica hábitats inexistentes, presenta contradicións substanciais sobre o tipo de residuos a tratar —abrindo a porta a fluxos non avaliados como lodos de depuradora— e omite datos esenciais sobre emisións atmosféricas, consumo real de auga e xestión de residuos perigosos. A isto súmase a ausencia de balances completos de enerxía e gases de efecto invernadoiro, imprescindíbeis segundo a Lei 7/2021 de cambio climático para acreditar calquera contribución real á descarbonización. Nun proxecto destas características, estas omisións non son defectos formais: son causas suficientes para cuestionar a legalidade da autorización.

Conclusión

Lidos en conxunto, o Estudo de Impacto Ambiental, a Memoria Técnica e a Autorización Ambiental Integrada debuxan un escenario claro: unha planta industrial pesada, situada nun territorio ambientalmente exhausto, que avanza apoiándose en conclusións optimistas e condicións indeterminadas.

Cando son os propios documentos do proxecto os que revelan as contradicións, xa non estamos ante unha discrepancia interpretativa. Estamos ante feitos escritos negro sobre branco. E fronte a iso, a lei é clara: cando existen dúbidas razoábeis sobre a afección á auga, á saúde ou á biodiversidade, a autorización non procede.

Persistir neste proxecto non sería unha decisión técnica nin ambiental. Sería unha decisión política, e as consecuencias, de producirse, non serán reversíbeis.

Táboa dalgúns erros da Memoria Técnica e da AAI

Planta de biometano de Xunqueira de Ambía

Erro detectadoDescrición concreta do erroNormativa vulneradaXurisprudencia aplicábel
1Ausencia de estudo hidroxeolóxico específicoNon se analizan tempos de tránsito, escenarios de fuga nin comportamento dos contaminantes en chans aluviais e permeábeis sobre a masa de auga de Xinzo de LimiaDirectiva 2000/60/CE (DMA); Lei de AugasSTS 20/06/2018 (rec. 1401/2016)
2Dixestato sen plan agronómico realNon se identifican parcelas receptoras nin balances de nitróxeno e fósforoDirectiva 91/676/CEE (Nitratos); RD 1051/2022STS 30/09/2020 (rec. 2135/2018)
3Uso indebido do efluente como “auga de rega”Preséntase como uso posible sen autorización expresa nin cumprimento do Regulamento europeoRegulamento (UE) 2020/741STS 16/10/2015 (rec. 2163/2013)
4Xestión inexistente do concentrado de osmose inversaNon se define o destino nin a figura legal do residuo máis contaminante do procesoLei 7/2022 de residuos; Directiva 2010/75/UESTS 16/10/2015 (rec. 2163/2013)
5Captación de auga diferida no tempoA captación por pozo déixase para fases futuras sen avaliación ambientalLei de Augas; DMASTS 20/06/2018 (rec. 1401/2016)
6Incompatibilidade coa planificación hidrolóxicaNon se analiza a compatibilidade cos obxectivos do Plan Hidrolóxico Miño-SilDMA; RDPHSTS 03/12/2014 (rec. 3499/2012)
7Fragmentación do proxectoPlanta, gasoduto, liña eléctrica e accesos avalíanse por separadoLei 21/2013 de avaliación ambientalSTS 27/11/2017 (rec. 1675/2016)
8Negación do efecto acumulativoNon se integra a presión gandeira, agrícola e industrial existenteLei 21/2013; Directiva 2011/92/UESTS 27/11/2017 (rec. 1675/2016)
9Afirmacións absolutas sobre cheirosFálase de “ausencia absoluta de malos cheiros”, tecnicamente insostíbelLei 34/2007 de calidade do aireSTS 30/05/2014 (rec. 2922/2012)
10Avaliación só en condicións ideaisNon se analizan accidentes nin fallos razoábeisDirectiva 2010/75/UE (IED)STS 13/03/2019 (rec. 1881/2017)
11Subestimación das augas pluviais contaminadasNon se avalían episodios de choiva intensa nin escorrentíasLei 7/2021 de cambio climáticoSTS 09/07/2020 (rec. 96/2019)
12Uso retórico da economía circularInvócase sen demostrar peche real de ciclosLei 7/2022 de residuosSTS 09/07/2020 (rec. 96/2019)
13Confusión entre condicións e garantíasA AAI impón condicións futuras no canto de garantías previasLei 21/2013; Directiva 2011/92/UESTS 09/07/2020 (rec. 96/2019)
14Dependencia de precedentes alleosInvócase unha resolución de Navarra sen valor vinculantePrincipio de legalidadeSTS 16/10/2015 (rec. 2163/2013)
15Incerteza normativa ignoradaNon se analiza a posíbel declaración de Zona Vulnerable a NitratosDirectiva 91/676/CEE; TFUE art. 191STS 20/06/2018 (rec. 1401/2016)
16Ausencia de análise de alternativas reaisDescártase a alternativa cero sen comparación ambiental efectivaLei 21/2013, art. 35STS 13/03/2019 (rec. 1881/2017)
17Non avaliación da capacidade de carga territorialNon se analiza se a Limia pode asumir máis presión ambientalDMA; Lei 21/2013STS 27/11/2017 (rec. 1675/2016)
18Falta de análise de compatibilidade co uso agrarioNon se avalía o impacto sobre solos de alto valor agronómicoLei 21/2013; lexislación do soloSTS 22/05/2015 (rec. 2380/2013)
19Insuficiente xustificación da localizaciónNon se explica por que se escolle este emprazamentoDirectiva 2011/92/UESTS 03/12/2014 (rec. 3499/2012)
20Non avaliación do risco sanitario indirectoNon se analizan efectos sobre saúde humanaLei 33/2011 de saúde públicaSTS 30/05/2014 (rec. 2922/2012)
21Plan de vixilancia ambiental insuficientePrograma xenérico, non adaptado ao risco da augaLei 21/2013STS 09/07/2020 (rec. 96/2019)
22Falta de límites operativos cuantificadosNon se establecen limiares claros de emisións e vertedurasDirectiva 2010/75/UESTS 09/07/2020 (rec. 96/2019)
23Dependencia excesiva de “boas prácticas”Substitúense garantías legais por compromisos voluntariosPrincipio de prevenciónSTS 16/10/2015 (rec. 2163/2013)
24Falta de avaliación da responsabilidade ambientalNon se analizan custos ambientais nin riscos futurosLei 26/2007 de responsabilidade ambientalSTS 24/04/2019 (rec. 2204/2017)
25Insuficiente motivación da AAIA autorización non respondería de forma motivada ás alegaciónsLei 39/2015, art. 35STS 18/07/2018 (rec. 3573/2016)
Comparte éste artículo
No hay comentarios