Os populares lamentan que, un ano máis, PSOE e BNG irán cada un por separado a FITUR con propostas turísticas distintas. “A falta de proxecto conxunto impide posicionar Lugo como un destino turístico de forma coherente e afecta á súa imaxe nacional e internacional”, subliñan.
Para o Grupo Municipal Popular é unha auténtica provocación que o BNG anuncie unha campaña centrada nas salas museísticas cando todas as que son competencia municipal presentan deficiencias e un mantemento insuficiente, tal e como se denunciou reiteradamente.
A mensaxe promocional choca coa realidade: a sala máis representativa, o Centro de Interpretación da Muralla, leva pechada dende o 29 de decembro por problemas de salubridade, malia estar vinculada ao principal símbolo patrimonial da cidade.
Mentres o BNG presenta unha proposta afastada da realidade, do PSOE, a estas alturas, non se coñece que presentará na feira.
“Lugo necesita xestión, coherencia e planificación, e unha estratexia turística seria que realmente poña en valor o patrimonio da cidade e ofreza unha imaxe sólida a nivel nacional e internacional”, conclúen os populares.