A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, acompañada pola concelleira en Lugo Maite Ferreiro, participaron na mobilización das usuarias e usuarios da residencia das Gándaras para reclamar unhas condicións de vida dignas e o respecto á súa intimidade persoal.
Rodil afirmou que “as persoas residentes nas Gándaras teñen dereito a vivir con tranquilidade e respecto, nun entorno que lles garanta intimidade e calidade de vida, especialmente tratándose de persoas maiores ou con problemas de saúde e mobilidade”. A deputada do BNG transmitiu ás persoas afectadas o apoio do BNG e afirmou que «é unha reclamación xusta, trasladaremos a problemática das e dos usuarios ao Parlamento para forzar ao goberno a modificar a reforma prevista no centro».
A deputada Olalla Rodil destacou que o BNG aposta por un modelo público, tanto na titularidade como na xestión «o obxectivo desta proposta do Bloque é humanizar os coidados nun sistema público, no que contemos con centros de menor tamaño e primando o benestar das persoas». Rodil explicou que o proxecto do BNG para as residencias conta con ferramentas para a supervisión do funcionamento e calidade do servizo con todo o tipo de información para que calquera cidadán teña acceso; é fundamental para garantir ás usuarias e usuarios os seus dereitos