A Agrupación de Montañeiros Independentes da Coruña, AMI, fai 40 anos de vida convertida nun dos clubs de montaña de referencia en Galicia, cunha traxectoria marcada pola promoción da escalada, a formación e, especialmente na última década, polo seu sólido compromiso social.
Catro décadas despois, o club vive un momento de consolidación: ten na actualidade algo máis de 600 persoas federadas e 100 socios e socias non federados. A evolución é especialmente significativa se se ten en conta que en 2010 AMI contaba só con 55 licenzas.
Seis de cada dez fichas corresponden a homes, pero a presenza feminina medra ano tras ano. O 40 % das licenzas son de deportistas menores de idade. AMI foi o primeiro club de montañismo de Galicia con escolas deportivas, polas que pasan hoxe preto de 300 nenos e nenas.
Un proxecto social pioneiro e consolidado
Un dos piares da historia recente de AMI é o seu proxecto social, que se desenvolve de forma ininterrompida desde a primeira convocatoria en 2013 das axudas de deporte solidario e inclusivo da Fundación Emalcsa, entidade que patrocina a iniciativa. Son, polo momento, 12 convocatorias que empregan a actividade física (principalmente a escalada, o sendeirismo e a marcha nórdica) como ferramenta de inclusión social, promoción da saúde e desenvolvemento persoal. Se a primeira experiencia contou coa participación de 73 persoas, co paso das edicións o número chegou a multiplicarse por dez varias veces.
“O proxecto social de AMI apóiase nunha ampla rede de entidades sociais, educativas e sanitarias”, explica Mariquiña Castiñeira, coordinadora do club. “Facilita o acceso á actividade física a persoas con discapacidade, a persoas en risco de exclusión social por motivos económicos ou de inmigración e a mulleres vítimas de violencia machista, entre outros colectivos”. AMI e a Federación Galega de Montañismo son pioneiras en España no desenvolvemento de iniciativas de paraescalada.
Alpinismo, identidade e futuro
AMI organizará ao longo de 2026 preto dunha vintena de actividades abertas á cidadanía e ás persoas socias. A programación arrinca o 16 de xaneiro, data de inscripción do club no rexistro de entidades deportivas da Xunta, coa charla Aventura por Kirguistán, a cargo do socio do club Adrián Álvarez. Será ás 20,00 horas na sede de AMI, na rúa Padre Sarmiento, 8.
Este 40º aniversario servirá para reivindicar o alpinismo, unha modalidade que forma parte da identidade histórica da agrupación. Adrián e o tamén socio Miguel Arejula coroaron en 2025 a imponente Torre Rusia, en Kirguistán, de 4.240 metros de altitude, en condicións meteorolóxicas extremas.
O calendario da celebración do 40º aniversarios inclúe varios bautismos de escalada para a cidadanía, o primeiro deles o 28 de xaneiro, dirixido a nenos e nenas na modalidade de bloque; a Festa da Inclusión, que terá lugar o 30 de maio; actividades de alpinismo nos Picos de Europa e en Peña Ubiña, así como a organización de varias competicións oficiais.