Contedores automatizados de roupa avaliarán a calidade das pezas e recompensarán aos cidadáns polas súas doazóns.
Instalar nas rúas contedores automatizados de roupa usada que avaliarán a calidade dos artigos depositados e recompensarán polas doazóns realizadas depezas reutilizables e reciclables. Este é o principal reclamo dun proxecto europeo no que a Universidade da Coruña se integra nun consorcio xunto a outras 13 entidades, e que conta co financiamento do programa de investigación e innovación Horizon Europe da Unión Europea (UE).
“TexMat: solución automatizada de recollida e clasificación para téxtiles de consumo” é o nome do proxecto financiado pola UE para impulsar un sistema de depósito de téxtiles usados en toda Europa. En España,están involucrados, ademais da Universidade da Coruña, dúas empresas tecnolóxicas (IRIS Technology Solutions e Rovimatica) e Humana Fundación Pueblo para Pueblo, unha das empresas pioneiras na xestión do residuo téxtil.
Durante tres anos traballarán nesta iniciativa, denominada TexMat, que poñerá ao dispor da cidadanía contedores intelixentes e automatizados, cuxa tecnoloxía integrada axudará a preclasificar os artigos depositados e avaliar a súa calidade, ademais de recompilar datos sobre as propiedades dos materiais, o ano de produción e o percorrido de circularidade, habilitado polo uso de pasaportes dixitais de produtos, que presumiblemente se poñerá en marcha proximamente na UE.
A solución TexMat pretende garantir que a gran maioría dos téxtiles que se recollan sexan aptos para a súa reutilización ou reciclaxe, de modo que se disminúa a parte corra o risco de ser desperdiciada. Busca estender os ciclos de vida dos produtos, apoiar esquemas de RAP (responsabilidade ampliada do produtor) específicos e acelerar unha transición impulsada polos consumidores cara a unha economía téxtil circular, contribuíndo aos obxectivos de redución de gases de efecto invernadoiro da UE e a sustentabilidade industrial.
Ao mesmo tempo, recompensará ás persoas consumidoras por doar pezas reutilizables e reciclables, á vez que notificará aos produtores cando as pezas refugadas requiran unha xestión adecuada de residuos, nun claro apoio a políticas de responsabilidade ampliada do produtor (RAP).
O proxecto TexMat, liderado polo Centro de Investigación Técnica VTT de Finlandia, reúne a 14 socios de sete países da UE. Recibiu un financiamento de 6,25 millóns de euros do programa Horizon Europe, levarase a cabo ata marzo de 2029 e implementará senllas probas piloto en España e Finlandia co obxectivo de explorar como o sistema podería expandirse por toda Europa.
A UDC, actor clave na investigación
No caso da Universidade da Coruña, a súa participación en TexMat vén determinada como entidade referente na análise e deseño de modelos de negocio circulares aplicados ao sector téxtil, liderando o mapeo do ecosistema europeo de recollida, clasificación, reciclaxe e reutilización de téxtiles e a validación da creación de valor para os diferentes actores implicados. Esta participación sitúa á UDC como actor clave na investigación organizacionalorientada á transición cara a modelos circulares, especialmente no estudo das lóxicas de mercado, os incentivos e as barreiras que condicionan a adopción de solucións tecnolóxicas e de novos modelos de negocio no marco de TexMat.
Tal e como explica Marta Rey García, investigadora principal do proxecto na UDC, «os consumidores xogan un papel fundamental na transición cara a unha economía máis circular, tanto nas etapas de consumo como nas de posconsumo. No caso dos téxtiles, a súa colaboración cos demais actores da industria, desde as marcas ata as empresas sociais, é esencial. O proxecto TexMat busca facilitar, a través de solucións tecnolóxicas, comportamentos de consumo que dean lugar a unha maior reutilización e reciclaxe.»
Pola súa banda, Violeta Bouzada, tamén da Universidade da Coruña reflexiona sobre a contextualización local desta iniciativa. “O contexto territorial no que nos atopamos na UDC é especialmente relevante no ámbito téxtil pola súa nutrida industria, a presenza de actores comerciais de relevancia global, e un ecosistema de recollida, clasificación e reutilización de roupa, que o converte nun laboratorio privilexiado para probar solucións innovadoras como TexMat e avaliar a súa escalabilidade a outros países da UE.”
Europa enfronta un desafío crecente cos residuos téxtiles. En 2022, xeráronse aproximadamente 6,94 millóns de toneladas, ao redor de 16 kg por persoa. Destes, aproximadamente 11 kg por persoa non se recolleron por separado e terminaron mesturados con residuos domésticos destinados a vertedoiros ou incineración.