O BNG esixe “botar abaixo” o acordo UE-Mercosur polo grave impacto nos sectores produtivos galegos

Carme da Silva denuncia o cinismo político do PP, coautor do acordo, que pretende enganar o sector mentres reclamaba que o Estado español liderase a súa aprobación.

O Bloque Nacionalista Galego volve exixir ao Goberno do Estado que retire o seu apoio ao acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur e traballe activamente para impedir a súa ratificación, ao considerar que supón unha ameaza directa para a supervivencia de milleiros de explotacións agro-gandeiras galegas e para o conxunto dos sectores produtivos do país.

A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia que o executivo español “apoiou de maneira entusiasta un acordo profundamente lesivo para a Galiza, sen calibrar nin asumir as consecuencias económicas, sociais e ambientais que terá para o noso tecido produtivo”.

O acordo, aprobado polo Consello da UE o pasado 9 de xaneiro co voto favorábel do Estado español, permitirá a entrada sen aranceis de 99.000 toneladas anuais de carne de vacún, 180.000 de aves e 45.000 de mel, cifras que equivalen ou mesmo superan a produción anual galega. “Estamos a falar dunha competencia desleal en toda regra: produtos que non cumpren cos estándares ambientais, sanitarios nin laborais que se lles esixen ás nosas gandeiras e agricultores” advirte Carme da Silva.

Neste sentido, o BNG reclama ao Goberno que recoñeza o impacto negativo real que terá este acordo sobre o sector agro-gandeiro galego, especialmente nun contexto xa moi delicado marcado polo incremento de custos, as enfermidades animais, a incerteza da reforma da PAC e o recorte de 22% dos fondos agrarios para aumentar o gasto militar. “É chover sobre mollado” sinala a senadora nacionalista.

Así mesmo,  demanda coherencia ao executivo estatal nas súas políticas climáticas. “Non se pode presumir de descarbonización e defensa da biodiversidade mentres se apoia un acordo que fomenta o transporte de alimentos a miles de quilómetros, o monocultivo intensivo e a destrución da produción de proximidade” afirma Carme da Silva.

Outra das reclamacións centrais do BNG é que o Goberno admita que os sistemas produtivos dos países do Mercosur operan con condicións radicalmente diferentes, permitindo pesticidas, antibióticos e prácticas prohibidas na UE, sen os mesmos controis fitosanitarios. A isto súmanse, lembrou Da Silva, “condicións laborais precarias e salarios baixos que abaratan artificialmente os prezos e afogan ao noso sector”.

O cinismo do Partido Popular: promotor do acordo e, agora, falso defensor do campo

“Queremos poñer negro sobre branco o cinismo político do Partido Popular, que estes días pretende capitalizar o malestar do sector agrogandeiro galego mentres foi un dos principais impulsores do acordo UE-Mercosur no seo da Unión Europea” recorda a senadora do BNG. “O PP non só é corresponsábel deste acordo, senón que durante anos reclamou que o Estado español liderase a súa sinatura e aprobación” lembra Carme da Silva, citando as iniciativas que mesmo rexistrou e debateron os populares na cámara alta.

Para o Bloque, resulta “inaceptábel e unha falta á verdade” que o PP trate agora de presentarse como defensor do sector primario mentres mantén unha posición plenamente favorábel ao acordo Mercosur, tanto nas institucións europeas, como no Estado e como na Galiza. “É unha estratexia oportunista que insulta a intelixencia das gandeiras e agricultores que se están mobilizando pola súa supervivencia” denuncia a senadora.

Frente a esta actitude, o BNG reivindica o seu traballo incansábel e coherente, tanto nas Cortes do Estado como no Parlamento Europeo e nas institucións galegas, para frear a aprobación do acordo Mercosur. “A Galiza non pode quedar desprotexida nin ser moeda de cambio nunha operación xeopolítica allea aos nosos intereses” afirma.

Finalmente, o BNG reclama ao Goberno do Estado que abra un diálogo real e urxente co sector agrario e gandeiro galego, escoite as súas demandas e rectifique a súa posición tanto no proceso de ratificación como no voto do partido do Goberno no Parlamento Europeo. “A defensa do noso campo, da produción local e do emprego digno non é negociable” conclúe Carme da Silva.

Comparte éste artículo
No hay comentarios