Os socialistas acusan ao Concello de ocultar información mentres utiliza os medios públicos exclusivamente para propaganda partidista, deixando á veciñanza indefensa ante a sucidade e os riscos da Refinería
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo alzou a voz contra o muro de silencio que o goberno local do Partido Popular levantou tras o recente incidente industrial na área de Nostían. Os socialistas esixen ao executivo de Carlos Calvelo que «abandone a opacidade» e cumpra coa súa obriga de informar con transparencia sobre as incidencias da industria pesada que impactan directamente na seguridade, salubridade e calidade de vida da veciñanza do norte do concello.
O portavoz socialista, Martín Seco, denunciou que o incidente ocorrido a pasada semana no proceso produtivo da Refinería provocou unha choiva de sucidade que cubriu vivendas e vehículos en Meicende. A pesar de que a propia empresa informou ao Concello e se puxo a disposición para emendar os danos, o goberno local optou por calar. «Cando os veciños e veciñas chamaron desesperados ao Concello, a resposta foi o descoñecemento ou a evasiva. É gravísimo que o departamento de Medio Ambiente asegure non saber nada de algo que a propia empresa xa notificara», explica Seco.
Martín Seco cualifica de «inaceptable e irresponsable» esta falta de comunicación nun municipio que convive diariamente cunha actividade industrial de alto risco. Para os socialistas, este silencio non é casual, senón parte dunha estratexia de ocultación.
«Lamentamos profundamente, reitera Martín Seco que o Goberno local e os seus medios de comunicación se poñan de perfil cando hai un problema real de saúde ou seguridade», sinalan dende o grupo municipal. «Resulta vergonzoso que o Concello use os recursos públicos e os medios de difusión exclusivamente como ferramenta de promoción política do Partido Popular, mentres silencia un incidente que afecta á saúde e ao patrimonio da veciñanza de Meicende, privándoos ademais da información necesaria para poder reclamar os danos sufridos».
O PSOE conclúe esixindo que o Concello estableza protocolos de comunicación inmediatos e veraces, deixando de utilizar o silencio como ferramenta política e priorizando, por unha vez, a protección e o servizo público aos habitantes de Arteixo.