Besteiro acusa a Rueda de «burla dramática» a Galicia por carecer de modelo propio de financiamento

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou hoxe que “burla dramática” para Galicia que Rueda careza de alternativa ao modelo de financiamento e se limite a facer o que manda o PP de Madrid. Así o dixo dende Lugo, onde fixo unha valoración do Consello de Política Fiscal e Financeira e onde lembrou que Rueda ten “a responsabilidade de defender os intereses do noso país”.

Criticou que “o problema” é a falta de alternativa do PP tanto para o conxunto de España como para Galicia, polo que “ou non teñen modelo ou non o queren amosar”, polo que “algo malo terá” cando prefiren situarse “na nada máis absoluta” e chegan a dicir que “xa o presentarán dentro dun ano: absolutamente intolerable”.

Fronte aos que defenden o modelo do concerto en contra da “inmensa maioría dos galegos e das galegas”, e o PP que carece de alternativa, cumpre traballar coa proposta posta enriba da mesa polo Goberno central e entrar na negociación para mellorar os resultados para Galicia. Esixiulle así a Rueda que se sente a negociar a proposta de financiamento autonómico co Goberno central e tamén co resto das comunidades autónomas.

O líder dos socialistas galegos dixo que a proposta presentada no Consello de Política Fiscal e Financeira “apunta boa letra, e agora hai que afinar a música”. Resumiu que o Estado “pon máis cartos, máis recursos e unha capacidade maior de ampliación para tódalas comunidades autónomas”, pero puntualizou que toca “non dalo por ben feito” sen “discutir e negociar” porque, apuntou, “eu creo que para Galicia é mellorable”.

En calquera caso, lembrou que o que si mellora esta proposta -que suporía 587 millóns de euros adicionais para Galicia- son os 500 millóns que reclamaba o conselleiro de Economía o pasado mes de novembro.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios