Dura derrota do Baxi Ferrol en Salamanca (86-58)

Con Erjavec de baixa e Melia condicionada físicamente, o Baxi Ferrol non puido afrontar do mellor xeito o partido de ida dos oitavos de final da Eurocup contra o Perfumerías Avenida. As salmantinas tivérono máis fácil que en decembro e, con varias melloras no plantel, superaron en cada cuarto ao cadro galego, que xogou en zona a aior parte do encontro. O cadro galego afronta un reto case imposible, superar 28 puntos, o próximo mércores na caldeira da Malata.

O Baxi Ferrol non suxeita o rebote defensivo

Marcaxes individuais nos dous equipos e problemas no Baxi Ferrol, que volveu forzar a Joiner na posición de base. O Perfumerías Avenida mostrábase superior con cinco rebotes ofensivos nos tres primeiros minutos. No cadro galego salientaba a importancia de Daniels na defensa de Cave á quen lle colocou dúas tampas. Logo, o terceiro pase perdido de Joiner mandouna ao banco para que Šotolová asumira a dirección.
O Baxi Ferrol camiñaba por detrás agás no 2-4, pero con vantaxes recuperables. Un dous máis un para Blanca Millán puxo o empate no marcador, pero a acción repetiuse no seguinte ataque local e Zellous puxo os tres arriba. En calquera caso, Joris devolveu o empate na súa primeira tentativa de tripla (14-14). O cadro ferrolá chegou até aí.
Malia a entrada de Melia no último minuto, o Baxi Ferrol non foi quen de impoñerse nos rebotes. As dúas e tres opcións de tiro das locais permitíronlles dar o tirón para rematar o primeiro cuarto cun 23-16 logo da tripla de Meyers.

A zona non resolve os problemas

Baxi Ferrol comezou o segundo cuarto cunha falta en ataque de Melia, unha perda de Sánchez-Ramos e a tripla en contra da ex universitaria Soriano (26-16). Con dous puntos máis por equipo e a superioridade salmantina no duelo de bases, Lino López pediu tempo morto a 7:53.
A defensa aberta local complicaba os ataques do cadro ferrolán. Unha bandexa errada por Daniels foi respondida por unha tripla de Spreafico. Perfumerías Avenida superaba a barreira dos dez puntos de vantaxe.
Logo dunha canastra de Daniels e o tempo morto pedido por Montañana, o Baxi Ferrol armou unha zona 2×3, pero nin con esas foi quen de protexer o rebote defensivo. Djalbi-Tabdi apañou outro, anotaba na pintura e provocaba a falta de Joiner (38-24). Un reparto de acertos e erros non evitou que o primeiro período rematara coa maior vantaxe para o Perfumerías cunha canastra de Martín (45-29).
As locais sumaban 14 rebotes ofensivos e 18 lanzamentos máis que as galegas (44-26). Aos datos explicativos da derrota engadíanse as once perdas do Baxi Ferrol.

Menos puntos, pero terceiro cuarto perdido

O segundo tempo comezou coa cuarta perda de Joiner. Felizmente, logo dunha boa defensa e un rebote ofensivo, Daniels aumentou a condición temporal de mellor do partido cunha canastra que non complementou co libre pola falta de Cave.
Non tardou o xogo en entrar nunha situación de desacertos que mantiña con 16 arriba ás locais. Joiner estaba asfixiada e non tiña substituta. Unha falta dela tampouco evitou a tripla de Spreafico (55-35).
Daniels estaba no banco con tres faltas e Melia aguantaba a dor nun pé sobre a pista. O Baxi Ferrol non anotaba de tres (1 de 16) e o Perfumerías Avenida puxera a cruz no recanto dereito do ataque. Meyers e Soriano castigaron máis ao cadro galego desde alí.

A nobreza de loitar sendo inferior

Arrojo e Zellous anotaron as primeiras canastras locais do derradeiro cuarto. A durísima defensa afogaba ás visitantes, que chegaron a tardar oito segundos nunha saída da propia parcela e sumaron a terceira perda esgotando os 24 segundos sen lanzar.
Lino López pedira tempo a 7:44, pero non era o día. Blanca Millán anotou a segunda tripla do equipo e Joiner dous tiros libres. Era a primeira vez na que o Baxi Ferrol facía un 0-5. A santiaguesa aínda ampliaría o parcial favorable (69-49).
En calquera caso, fora demasiado esforzo para que a zona colpasara ao defender as seguintes dúas triplas. A de Zellous era o terceiro tres máis un a prol das salmantinas. Spreafico apuntou outra para poñer ao cadro local 28 arriba. O Baxi Ferrol só esperaba que chegara o remate a un partido demasiado esixente, que colleu ás galegas con menos rotacións e con xogadoras diminuídas no físico, que aportaron o que puideron.
A resolución do pase aos cuartos de final será o mércores da próxima semana, ás oito e cuarto da tarde, na Malata.

Ficha

XOVES 15/01/2026 (20,30) Pavillón: WURZBURG-SILVIA DOMÍNGUEZ (2.423)
PERFUMERÍAS AVENIDA : 86 – BAXI FERROL : 58 (23-16) (45-29) (61-40)

PER : Martín (13), Spreafico (10), Vilaró (9), Djaldi-Tabdi (7), Cave (11) – cinco inicial -, Soriano (10), Arrojo (6), Zellous (9), Meyers (11), Takacs-Kiss (0). Tre. Anna Montañana.
BAX : Joiner (12), Blanca Millán (12), Samson (4), Rodríguez (0), Daniels (14) – cinco inicial -, Sánchez-Ramos (2), Šotolová (6), Melia (3), Joris (5). Tre. Lino López. Non xogaron: Silvia Millán.
Árbitros: Ignatiou (Chipre), Perlić (Croacia), Baloun (Chequia).
Eliminadas: Daniels (84-58) 40’.

Foto: Daniels, que acabou eliminada, foi a mellor anotadora das ferrolás. © FIBA.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios