O obxectivo do premio, dotado con 1000 euros para a compra de material educativo, é espertar o interese da poboación feminina no eido tecnolóxico.
A Cátedra ALDABA-WIB vén de lanzar a iniciativa “Vídeos pola Igualdade”, o I Premio da Cátedra ALDABA-WIB ao mellor vídeo en materia de promoción da participación da muller no desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), dirixido a centros educativos de toda Galicia nos que se impartan 1º e 2º cursos da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
O obxectivo principal desta convocatoria é espertar o interese da poboación feminina polo ámbito tecnolóxico e contribuír á construción dun futuro tecnolóxico máis igualitario, promovendo a reflexión crítica do alumnado a través da creación de pezas audiovisuais breves pensadas para a súa difusión en redes sociais, que axuden a derrubar estereotipos de xénero asociados ás TIC.
A convocatoria propón a elaboración de vídeos curtos, cunha duración máxima de tres minutos, que aborden cuestións como o papel da muller no ámbito tecnolóxico, os estereotipos de xénero existentes ou os plans de futuro das mozas no sector das TIC. Poderán participar colectivos de estudantes de 1º e 2º da ESO de calquera centro educativo situado en Galicia.
O prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 25 de marzo de 2026 ás 23:59 horas. O premio consistirá nunha dotación económica de 1.000 euros, que deberá destinarse á compra de libros ou material informático para o centro educativo gañador.
A entrega de premios terá lugar nunha data próxima ao 23 de abril de 2026, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Nenas nas TIC, e desenvolverase no centro educativo que resulte gañador do certame.
As bases completas da convocatoria, así como información detallada sobre o proceso de participación, poden consultarse na páxina web da CátedraALDABA-WIB.
A Cátedra Aldaba WIB
A Cátedra ALDABA WIB: Women, ICT & Business foi constituída en setembro de 2019 pola empresa ALDABA, A UDC e a UVigo co obxectivo de potenciar e enriquecer o progreso das TIC: por un lado, promocionando a participación de mulleres no seu desenvolvemento, e polo outro establecendo canles bidireccionais de colaboración entre a universidade e a empresa.
Os centros adscritos a esta Cátedra son a Facultade de Informática da Universidade da Coruña e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense da UVigo, buscando crear sinerxías entre os dous centros e promover a formación dos futuros graduados, facilitando a súa integración ao mundo laboral.
Por outra banda, a Cátedra promove o desenvolvemento de actividades que dean visibilidade ás achegas das mulleres no mundo das TIC, para xerar referentes que esperten o interese de nenas en carreiras tecnolóxicas.