O single ven acompañado dun videoclip a mans de Steel Cora, rodado en branco e negro, no que o rap preséntase como ferramenta de expresión e denuncia, e non como apoloxía da violencia.
Rebeliom do Inframundo prepara a saída do seu novo álbum, Orgullo, para o 27 de febreiro. O mes pasado editaron o seu primeiro sinxelo, Sube, e agora adiantan Balas, un novo tema coa colaboración de Kaze.
Balas, este novo single de Rebeliom do Inframundo Ft. Kaze, xorde porque “temos moito respecto artístico, admiración e amizade”, segundo avanza Nervo, membro da troupe galega. “Quedamos, basicamente, e puxémonos a crear. Eu tiña claro que quería que fose unha canción dura e penso que o conseguimos: quedou unha canción moi potente e dura”, explica o artista. E continúa: “Queríamos mostrar tanto o nivel técnico e artístico que teñen ambos proxectos, tanto Rebeliom do Inframundo como Kaze, e deixar tamén ben claro que aquí sabemos rapear e dicir cousas”.
O single Balas (Galunk Producións) estará dispoñible en todas as plataformas dixitais desde esta noite ás 00.00 horas, en:
https://orcd.co/balasrebeliomkaze
SOBRE BALAS, O NOVO LANZAMENTO DE REBELIOM DO INFRAMUNDO
Balas é un golpe frontal: un tema de rap/hip-hop con pulso afrobeat, cru e combativo. Letras bilingües con flows afiados que disparan verdades sen filtros. Unha canción sobre non venderse, mirar á cara e seguir en pé xunto aos teus, aínda cando todo arde. En palabras de Nervo, “queremos deixar claro que, por moito que a sociedade estea tola nestes momentos, vivindo por e para o diñeiro, no noso caso non é así. Nós facemos as cousas de corazón, con alma; o tema monetario non é o máis importante, senón o orgullo e a dignidade”.
O single Balas vén acompañado dun videoclip que é unha peza estética e simbólica, rodada en branco e negro, que utiliza códigos visuais do rap contemporáneo para expresar identidade, presión social e resistencia. Os espazos abertos representan a exposición e o contexto hostil; o secuestro nunha nave simboliza a opresión, o control e a perda de voz, sen mostrar violencia explícita.
A persoa cos ollos vendados funciona como metáfora da violencia estrutural que sofren determinados colectivos. As balas e os billetes coa imaxe da portada do disco representan palabras, consecuencias e diñeiro sen valor moral, deixando claro que a identidade, a dignidade e a conciencia non se poden comprar.
A estrea do videoclip de Balas terá lugar hoxe xoves, 15 de xaneiro, ás 14.30 horas, na canle de YouTube da banda.
E quedounos esta marabilla: Balas
Nesta afortunada coincidencia con Kaze, Rebeliom do Inframundo continúa “co rap que parece que se está a perder, ese rap duro que é o que nos caracteriza e non deixamos de facelo, nin deixaremos de facelo nunca”, segundo apunta Nervo.
E conclúe: “Basicamente isto é que todo flúe magnificamente; quedamos varios días con Kaze, estivemos escribindo xuntos, facendo a parte instrumental todos xuntos, creouse todo desde cero. Non é unha colaboración na que ti amoses ou che amosen, como quen di, con todo feito cun espazo para que ti aparezas. Neste caso fixémolo desde o principio xuntos. Isto foi algo que sempre falamos, que se facíamos unha canción tiña que ser todos xuntos, tanto no instrumental como na letra”.
REBELIOM DO INFRAMUNDO, MÁIS DUNHA DÉCADA DE MÚSICA DESDE A TRINCHEIRA
Nacidos nas rúas e nos locais de ensaio de Galiza, Rebeliom do Inframundo leva máis dunha década facendo da música unha trincheira e unha celebración. Nervo, Malvares, Frank Huxley, Busto e DJ Pol forman unha alianza que vai máis alá do rap: é unha actitude, unha maneira de entender o mundo.
O seu son bebe do rap hardcore e da electrónica, pero tamén das raíces galegas e da forza dun pobo que nunca baixa a cabeza. Cada tema é un retrato entre o amor e a rabia, entre o orgullo e a ferida.
Dende Caladas Reflexivas ata Amor ou Barbárie, pasando por Lume e Rebeliom e Ilegal, a banda medrou sen traizoar o seu camiño. Hoxe, Rebeliom do Inframundo non é só unha referencia musical: é un símbolo dunha xeración que loita, crea e berra sen pedir permiso.
A banda afronta 2026 cunha forza incontestable… cara a publicación do seu novo álbum, orgulho, que verá a luz a finais de febreiro deste ano, e do que xa se coñecen adiantos como Sube e este novo sinxelo Balas.
Rebeliom vive o seu mellor momento, co respaldo dun público que enche salas e corea cada verso coma se formase parte da banda. Non precisan grandes campañas nin filtros; a súa verdade corre de boca en boca, como corren as boas cousas cando son reais.
No último ano esgotaron entradas en espazos emblemáticos como a Sala Capitol de Compostela —800 persoas entregadas— e confirmaron o que xa se intuía: Rebeliom é unha das bandas máis sólidas e respectadas da escena galega actual.
O seu directo é un estoupido de enerxía, mestura de rap, electrónica e tradición galega, que converte cada concerto nunha experiencia colectiva. É un grupo de xente para a xente, cun discurso propio e unha ética de traballo que fala de verdade, comunidade e resistencia. Eles non seguen a moda, créana.