As Xuventudes Socialistas de Ourense vén de elixir a Alex Destar Liste como novo coordinador provincial da organización, nun proceso interno que se saldou cun respaldo superior ao 75 % da militancia, un apoio amplo e inequívoco que abre unha nova etapa de renovación, firmeza política e recuperación da credibilidade orgánica.
O novo coordinador asume esta responsabilidade “con orgullo, responsabilidade e sentido colectivo”, coa vontade expresa de construír unha organización máis cohesionada e centrada no que realmente importa, desligando a Xuventudes Socialistas na provincia de Ourense de dinámicas internas que a afastaron dos seus valores e do seu papel político.
Alex Destar subliñou que esta nova etapa debe basearse no respecto aos procesos colectivos e nunha forma de facer política “sen personalismos, sen atallos e sen dobres discursos”, poñendo no centro os problemas reais da xente nova.
O novo coordinador puxo tamén en valor ser o primeiro responsable provincial da organización en máis dunha década que non procede da capital, senón de Barbadás, un concello onde aprendeu que a política se constrúe desde a proximidade, o traballo diario e a coherencia entre o que se defende e o que se fai.
Nesa aprendizaxe tivo un peso clave “o exemplo das compañeiras que deron pasos valentes na defensa da igualdade, do respecto e da dignidade na vida pública, demostrando que non todo vale e que as organizacións progresistas teñen a obriga de actuar con claridade, responsabilidade e sen ambigüidades cando están en xogo principios básicos”.
Nesta liña, Xuventudes Socialistas de Ourense aposta por unha nova etapa baseada no traballo colectivo, na responsabilidade orgánica e no respecto aos procesos compartidos, avanzando cara a unha organización máis madura e aliñada cos valores do socialismo.
Alex Destar avanzou que nas vindeiras semanas a organización intensificará a súa actividade política propia, con iniciativas centradas en cuestións prioritarias para a mocidade, como o acceso á vivenda, poñendo en valor o traballo municipal que están a desenvolver os concellos gobernados polo PSdeG e reforzando a presenza de Xuventudes no debate público.
“Queremos máis política, máis coherencia e menos ruído. Esa é a mensaxe clara que sae deste proceso avalado pola militancia”, concluíu o novo coordinador provincial de Xuventudes Socialistas de Ourense.