Avigal vén de anunciar a obra gañadora do II Certame Literario de Novela Infantil Jaime Olmedo Limeses, unha iniciativa impulsada pola compañía co obxectivo de promover a creación literaria en lingua galega e fomentar o hábito lector entre o público infantil. Nesta segunda edición do certame, á que se presentaron 40 novelas infantís, o xurado escolleu como gañadora a obra “ALÉN E O DRAGÓN”, da autora OLAIA SENDÓN, destacando a súa calidade literaria, a orixinalidade da proposta e a súa capacidade para conectar cos lectores máis novos.
O certame consolídase como unha das principais apostas culturais de Avigal, enmarcada no seu compromiso coa educación, a lingua galega e o apoio a novos talentos literarios. A obra premiada será publicada por Antela Editorial e presentada ao público durante a semana das Letras Galegas, nun acto que servirá para celebrar a creatividade e a literatura infantil en galego.
Como parte desta iniciativa, Avigal agasallará 1.500 exemplares da novela gañadora, que serán distribuídos en centros educativos e culturais de Galicia, contribuíndo activamente á difusión da lectura en galego e achegando a literatura aos máis novos.
Unha novela que conquistou ao xurado polo seu dinamismo, personaxes ben traballadas e referencias á cultura popular.
Na obra, ambientada en Sardiruña, un lugar onde nunca deixa de chover, Alén comeza a ter soños estraños con dragóns e vellas misteriosas. Cando descobre que esas visións poden ser reais, emprende unha aventura xunto á intrépida Nora que os levará a Leiras Longas, a aldea da súa familia, onde nada é o que parece. Entre segredos, poderes ocultos e humor, Alén deberá descubrir quen é… e que destino o agarda.
A autora, Olaia Sendón (Ourense, 1978) é licenciada en Comunicación Audiovisual pola UAB e profesora na Escola de Imaxe e Son da Coruña. É tamén autora de documentais e pezas de videoarte presentes en diferentes concursos e festivais. En Xerais ten publicados os álbums ilustrados «A crebeira Marabillas» (2021) e «A fotógrafa Perpetua» (2023). «Nave» (2024), a súa primeira novela, quedou finalista do XV Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Coa novela «A Casa Grande» (2025), foi finalista do XLII Premio Xerais de Novela.
O xurado destacou tamén a gran calidade do conxunto das obras presentadas, subliñando o bo momento creativo que vive a literatura infantil en galego e o interese crecente por iniciativas que apoien este xénero.
Cómpre lembrar que o certame conta tamén cunha modalidade de relato infantil, dirixida a nenos e nenas menores de 12 anos con ganas de crear e contar a súa propia historia en galego. O anuncio deste premio infantil aínda está pendente, xa que o prazo de presentación de relatos continúa aberto ata o 17 de abril de 2026, polo que o nome do gañador ou gañadora darase a coñecer ao longo dos próximos meses.
A entrega do galardón de 3.000 euros e a presentación oficial da publicación terán lugar o Día das Letras Galegas, nun acto que se celebrará no Museo de Pontevedrae que contará coa presenza de representantes de Avigal, de Antela Editorial e da autora da obra premiada.