Rego reclama flexibilidade e unha moratoria na aplicación do Regulamento Europeo de Control da Pesca á frota artesanal

O deputado do BNG exixe adaptar o Regulamento á realidade das Rías e diferenciar claramente a pesca artesanal e industrial.

O Bloque Nacionalista Galego denuncia, durante as concentracións convocadas polo sector pesqueiro galego, o grave impacto que suporá a aplicación do Regulamento Europeo de Control da Pesca sobre a frota de baixura e artesanal. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado flexibilidade, realismo e unha moratoria inmediata mentres non se adaptan as normas á realidade do sector.

Durante as concentracións convocadas polo sector pesqueiro galego en todo o País, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, estivo acompañado polo portavoz municipal no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, a concelleira e deputada provincial, Avia Veira, as deputadas provinciais Sol Agra e Natividade González e outros cargos da organización nacionalista.

Rego advirte de que se trata dun regulamento “hiperregulador, alleo á realidade da pesca artesanal galega e pensado para grandes buques industriais” que introduce unha carga burocrática e tecnolóxica inasumíbel para embarcacións pequenas, con tripulacións reducidas, en que os propios patróns tamén faenan. “Non se pode pretender que quen está a pescar estea ao mesmo tempo cubrindo diarios electrónicos, facendo comunicacións constantes e pesados exactos en condicións imposíbeis” subliña.

O deputado nacionalista lembra que o Regulamento foi aprobado en outubro de 2023 coa complicidade de PP e PSOE, sen atender as reiteradas advertencias do sector e do propio BNG, nin ás iniciativas aprobadas no Parlamento Galego. “Ignórase deliberadamente a singularidade da frota artesanal, unha pesca sustentábel, respectuosa co medio e chave para a economía, o emprego e a fixación de poboación nas vilas costeiras” afirma.

Entre as medidas máis contestadas polo sector, Rego destaca a obrigatoriedade dos diarios electrónicos, que desde 10 de xaneiro afectan xa aos buques de máis de 12 metros e que se estenden progresivamente, a partir de 2030, ás embarcacións de menos de 9 metros, maioritarias na baixura galega. “A exixencia de facer até oito comunicacións por xornada e declarar todas as capturas, independentemente do seu volume, é simplemente inasumíbel” indica.

Tamén cualifica de “absolutamente irrealista” a obriga de comunicar a chegada a porto cunha antelación mínima de dúas horas e media, cando a maioría da frota artesanal faena a pouca distancia da costa, con mareas curtas e condicionadas pola meteoroloxía. “Son horarios ríxidos que non teñen nada que ver coa actividade real da pesca de baixura” denuncia.

Así mesmo, o deputado do BNG mostra a súa preocupación polo novo réxime de infraccións e sancións, que considera “excesivo” e que pode supor “a perda de axudas europeas por incumprimentos formais, así como pola introdución de sistemas de control da potencia dos motores ou a posíbel extensión do uso de cámaras a bordo”.

Actuacións do BNG en favor e defensa do sector pesqueiro galego

Néstor Rego avanza que o BNG xa rexistrou iniciativas nas Cortes do Estado para instar o Goberno a estabelecer unha moratoria na aplicación do Regulamento á frota artesanal, mentres se traballa conxuntamente co sector na procura de solucións adaptadas á súa realidade.

Entre as propostas, o BNG reclama reducir a carga burocrática do diario electrónico, recuperar sistemas simplificados de pesado para capturas de pequeno volume e eliminar ou flexibilizar a comunicación previa de chegada a porto.

Finalmente, o deputado nacionalista defende a necesidade de que, na vindeira revisión da Política Pesqueira Común, se estableza unha diferenciación clara entre pesca artesanal e pesca industrial, non só en función da eslora dos buques, senón tamén atendendo a criterios como a distancia ao caladoiro, a duración das mareas, as artes empregadas ou o número de tripulantes.

“O Bloque Nacionalsita Galego está co sector nas rúas e nas institucións” conclúe Rego. “Bruxelas e Madrid teñen que escoitar as confrarías e entender que non se pode afogar en burocracia unha frota que xa cumpre numerosas normas de control e que é esencial para o futuro do noso litoral”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios