Non foi doada a vitoria para as líderes camariñanas, que padeceron a incertidume dun resultado curto ao longo de todo o segundo tempo, pero tiraron de oficio para aguantar e colleitar os tres puntos que permiten seguir encabezando a táboa clasificatoria.
Comezaba o partido cas locais máis incisivas, e tanto Yara como Laura Tajes terían inmellorables ocasións para adiantarse, ante un Cerqueda repleto de mocidade en moi boa forma física. Pero apenas creaban perigo e sería Maira, tras un saque de curruncho de Yara, quen aproveitaría un rexeite no pau para poñer o 1-0 que acabaría sendo definitivo. Con moitos minutos por diante, souberon nadar e gardar a roupa até o asubío do árbitro sinalando o final do partido, cunha nova vitoria que dou traballo pero remataba coa satisfacción das azuis.