Antonio Ameijide: “PSOE e BNG teñen que cumprir con todos os veciños de Folgoso do Courel, ao igual que co resto de concellos da provincia, uns veciños que levan oito anos agardando por esta residencia, que é unha necesidade maiúscula para o concello”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular preguntarán no vindeiro pleno se o PSOE e o BNG van a cumprir o compromiso asinado con todos os veciños de Folgoso do Courel e iniciarán os trámites para construír a residencia de maiores comprometida dende o ano 2018.
Así o anunciou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, acompañado da alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, nunha visita aos terreos da antiga escola, localización na que a Deputación debería de ter xa construído este centro de atención a maiores.
Antonio Ameijide afirmou que “PSOE e BNG teñen que cumprir con todos os veciños de Folgoso do Courel, ao igual que co resto de concellos da provincia” e, neste caso, os veciños deste municipio levan oito anos agardando por este centro de atención a maiores “que é unha necesidade maiúscula para o concello”.
O voceiro provincial popular recordou como en abril deste ano xa defendemos unha iniciativa no pleno para que o goberno de PSOE e BNG dixese publicamente se ían a cumprir o acordo con Folgoso do Courel “e lamentablemente vimos como a súa resposta foi dar as costas aos veciños ao votar en contra de impulsar a construción do centro de atención a maiores”.
“Nesa ocasión, e como xa nos teñen acostumado, PSOE e BNG puxeron por diante o sectarismo antes que a defensa dos dereitos dos os veciños de Folgoso do Courel, xa que comprobaron o goberno provincial toma as súas decisións mirando unicamente a cor política que goberna cada municipio”, lamentou.
Ademais, Antonio Ameijide recordou como PSOE e BNG intentaron “rachar” o convenio asinado no 2018 ao presentar unha emenda de substitución á iniciativa do Grupo Provincial Popular para que en lugar de construír a residencia a Deputación (segundo establece o convenio asinado) fora a Xunta de Galicia a que a construíse.
O voceiro popular recordou como mentres PSOE e BNG seguen negándose a cumprir co asinado en 2018, o Concello de Folgoso do Courel cumpriu con todas as obrigas que lles asignaba o convenio, entre as que se atopan a posta a disposición dos terreos, no ano 2019, e, posteriormente, a resolución da licenza de obra, o 13 de xaneiro de 2022, despois de que a Deputación de Lugo corrixise os numerosos erros detectados no proxecto que inicialmente se presentase dende o goberno provincial.
Neste senso, Antonio Ameijide pregunta a PSOE e BNG “por que Folgoso do Courel, tendo cumpridas todas as súas obrigas, ten a residencia paralizada” mentres que noutras localidades (con alcaldía do PSOE), como en Cervantes, iniciaron todos os trámites para a construción da residencia comprometida a pesar de nin contar cos terreos.
Ante esta situación, dende o Grupo Provincial Popular aclaran que “non dicimos que Cervantes non teña a súa residencia, ten que tela xa que tamén está comprometida, o que non entendemos é que non se axilice aquela infraestrutura que ten toda a tramitación moito máis avanzada”.
OS VECIÑOS SEGUEN AGARDANDO
A alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, recordou como no pleno municipal de febreiro deste ano a corporación acordou, a iniciativa do PP, reclamar á Deputación que iniciase os trámites necesarios para a construción desta infraestrutura, pero “vemos como PSOE e BNG dende a Deputación seguen a negar a todos os veciños o que está asinado e que é de xustiza que teñan os nosos maiores”.
Lola Castro sinala que “os veciños de Folgoso do Courel non merecen estar sometidos a este desprezo continuo, dando largas a un proxecto tan necesario nun municipio destas características, cunha poboación con idades moi avanzadas e con gran dispersión xeográfica, sendo o mais afastado na provincia de todos os servizos”
CRONOLOXÍA DA RESIDENCIA DE MAIORES
– Ano 2015: inicio das conversas para a creación do convenio inter administrativo entre o Concello de Folgoso do Courel e a Deputación de Lugo.
– Ano 2018: sinatura do convenio inter administrativo, que posteriormente tivo que prorrogarse en dúas ocasións. O convenio contempla que o investimento necesario era de 1.400.000€, dos cales a Deputación aportará 1.200.000€ e se encargará, entre outros cometidos, de licitar, adxudicar e xestionar os contratos de obra e servizos precisos, correspondendo ao Concello de Folgoso do Courel achegar 200.000€ e, entre outros, aportar os terreos necesarios para a construción da residencia e o centro de día
– 11 de decembro de 2019: solicitude de prórroga do convenio xa que rematabaa finais dese ano, Asinouse a prórroga da addenda ao convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel para a execución dos fins comúns consistentes na construción de residencia e centro de día da terceira idade, aprobada anteriormente na xunta de goberno do 23 de xaneiro do 2018 e rectificada na xunta de goberno provincial do 23 de xaneiro do 2020, ampliando ata o 31 de decembro do 2021.
– 18 de xuño de 2020: a alcaldesa de Folgoso do Courel mantivo unha reunión co presidente da Deputación para tratar, entre outros temas, a construción da residencia, manifestando José Tomé “o seu total compromiso, tal e como se constata na addenda ao convenio de seguir adiante coa tramitación para sacar a construción da residencia adiante”.
– Finais de 2021: sinatura da segunda addenda de prórroga, tendo como data límite para a construción da residencia o mes de xullo de 2026.