Baxi Ferrol deixa a Eurocup logo de caer contra Avenida na Malata

O Baxi Ferrol caeu tamén na casa contra o Perfumerías Avenida. O cadro ferrolán fica eliminado da Eurocup polo salmantino, que foi moi superior nos dous partidos de oitavos de final. A perda por lesión de Erjavec restou unha rotación ao cadro galego e ampliou a diferenza de plantel co seu rival. Blanca Millán foi a mellor do partido.
Liberadas da competición continental, o Baxi Ferrol poderá concentrarse exclusivamente na liga co obxectivo de entrar entre os oito primeiros para disputar a fase polo título.

Un ataque imperfecto

Dous equipos defendendo en zona e unha tripla de Vilaró colocaban ao Avenida con máis de trinta puntos de vantaxe na eliminatoria tras os primeiros segundo de xogo. O Baxi Ferrol respondeu con variedade de ataques e anotando os tres primeiros.
Dous erros de Samson e outra tripla de Vilaró anularon o bo comezo local. Šotolová entrou pola desafortunada xogadora gala. O cadro salmantino fixo un 0-9 mostrando superioridade na pintura. O Baxi Ferrol non era quen de anotar desde fóra. Puido facelo Blanca Millán entre dous erros de Joris.
Montañana retirara ás pivotes, Takacs-Kiss e Cave, coas que comezara o partido. Con baixas anticipou a presión defensiva. A presión sobre a saída de fondo, con primeiro pase a Melia, deuulles un roubo. Tres ataques locais consecutivos remataron con tres tampas. Logo, a primeira tripla de Blanca Millán foi compensada coa de Soriano no seguinte ataque. O Perfumerías Avenida saíra sen pensar nos 28 puntos favorablñes do partido de Salamanca. O primeiro cuarto deixou a desvantaxe do Baxi Ferrol en 33 puntos.

Avenida non relaxa

Dúas boas defensas do Baxi Ferrol foron acompañadas de ataques intermitentes. Šotolová erraba desde lonxe co que as locais levaban a 1 de 8 o desacerto nas triplas. Unha canastra de Arrojo, que facía todo ben, con falta de Rodríguez, obrigou a Lino López a parar o encontro a 6:35. O Baxi Ferrol volveu con catro novas antes que Vilaró anotara de tres (20-31). Avenida seguiría aumentando o parcial até que Sánchez-Ramos, cunha tripla, parou o 0-10.
Malia que Samson atinou en dous ataques seguidos, Takacs-Kiss rouboulle un pase na divisoria no terceiro. O novo ataque visitante rematou coa terceira tripla de Vilaró no seu terceiro intento. No último minuto, Martín rouboulle outra a Samson, colocando á francesa en valoración negativa. Ao descanso chegouse cunha tripla de Šotolová.

Avenida asegura o partido cun 0-11

Un rebote defensivo e un ataque de 23 segundos, rematado con canastra de Daniels baixo o aro, permitiu a Baxi Ferrol comezar o segundo tempo rebaixando os dez da desvantaxe no partido.
Se aquilo podía ser unha reacción, ficou esnaquizada polo 0-11 das salmantinas con seis últimos puntos seguidos de Cave. Lino López tivo que pedir outro tempo axiña, a 7:20, e facer tres substitucións.
Aínda habería unha cuarta logo dunha mala interpretación do ataque de Joris. A belga, como en tantos partidos da temporada, seguiu agochada. Baxi Ferrol mudou a defensa a individual, pero Spreafico anotou de tres e Cave de dous. No medio, Melia sumara tres desde lonxe.
A ex universitaria Soriano, defensivamente, e Arrojo, en ataque, traballaban para que Avenida seguira aumentando a diferenza, aínda que a menor ritmo que no primeiro tempo. Dous libres da granadina púñana como MVP (18) logo que subira o 39-60. A partir de aí comezou a errar.

Empate

O último cuarto, con todo decidido, mantívose igualado. O equilibrio veu dado polas numerosas imprecisións en ataque. Samson seguiu errando tiros e Joiner bandexas. Só Melia, anotando tiros libres, foi rebaixando a pingas a distancia. Sen embargo, Soriano, coa derradeira tripla, impediu que Baxi Ferrol gañara algún dos oito cuartos da eliminatoria.

Pensar só na liga na temporada dos imprevistos

O cadro galego marcha de Europa logo doutra boa campaña continental, con oito triunfos e dúas derrotas. O Perfumerías Avenida foi xusto gañador dun partido no que Blanca Millán, a quen Europa séntalle moi ben, foi a mellor cunha valoración de 18.
Ao cadro galego só lle queda pelexar a liga. A partir de agora, sobre todo se non repón a baixa de Erjavec, poderá afrontar máis descansado a competición doméstica da regularidade. Logo da cantidade de imprevistos da campaña, clasificar para a fase polo título será un novo éxito. O camiño continúa o sábado, en Estepona, a partir das 17,30.

Ficha

MÉRCORES 21/01/2026 (20,15) Pavillón: A MALATA (1.317)
BAXI FERROL : 57 – PERFUMERÍAS AVENIDA : 79 (16-21) (31-42) (44-66)
BAX : Joiner (5), Blanca Millán (12), Samson (4), Joris (2), Daniels (6) – cinco inicial – Sánchez-Ramos (6), Šotolová (6), Melia (13), Rodríguez (3). Tre. Lino López. Non xogaron: Somorrostro, Baldonedo.
PER : Martín (11), Spreafico (8), Vilaró (9), Takacs-Kiss (6), Cave (18) – cinco inicial – Soriano (8), Arrojo (15), Zellous (2), Meyers (0), Djaldi-Tabdi (2). Tre. Anna Montañana.
Árbitras/o: Dragojević (Montenegro), Obertová (Eslovaquia), Şakaci (Turquía).
Eliminadas: Spreafico (47-70) 36’.

Foto: Blanca Millán foi a mellor do partido. © FIBA

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios